Os dous primeiros cortes do novo disco de Luar Na Lubre, Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos, xa están na rúa. O grupo vén de publicar este venres, 27 de marzo, Benvido e Mártiros e o vákner nas plataformas iTunes, Spotify, Amazon, Deezer e Tidal. O lanzamento supón un adianto dun álbum no que a agrupación explora os escritos, as sonoridades e as pegadas que os viaxeiros deixaron ao seu paso polos múltiples sendeiros que conforman o Camiño de Santiago.
Benvido abre o novo disco de Luar Na Lubre coa colaboración do cantante Miguel Ríos, quen pon voz a un tema que pretende dar a benvida a todas as persoas que percorren o itinerario xacobeo, a través dos seus diversos vieiros, no momento de chegar a Galiza. “Benvido é un canto de acollida, unha carta de presentación do que é esta terra, do que é Galiza“, sinala Bieito Romero, fundador de Luar Na Lubre.
“Desde o medievo até a actualidade, milleiros de persoas percorreron un camiño de peregrinación impulsados por motivacións relixiosas, culturais e artísticas, inquedanzas viaxeiras ou mesmo de negocios. A procura da tumba do Apóstolo e a meta da Compostela, ou a experiencia persoal da realización deste itinerario por mar ou terra, seguindo a antiga vía das estrelas, teñen en común a chegada a unha terra única, dotada dun patrimonio material e inmaterial rico e diverso, aberta a recibir e acoller a influencia de quen veña”, expón Romero.
Benvido, que tamén conta coa colaboración de Nani García nos teclados, é a carta de presentación dun disco no que Luar Na Lubre “leva moitos anos traballando e no que o relato se tece singularmente, de xeito natural, a través das historias humanas que percorren a ruta xacobea ao longo de diferentes épocas e contextos”, explica Bieito Romero. Un traballo no que Luar Na Lubre “quere pór en valor as historias que recompilamos a través de diferentes vías pero que, todas elas, conforman o imaxinario popular do Camiño”, apunta o músico.