Nas cancións de Fats Domino, pianista de orixe rhythm and blues, ecoa a singular e crioula tradición musical de Nova Orleans. Foron cancións como Ain't that a shame -que versionarían John Lennon ou Cheap Trick na década dos 70- ou The Fat Man -en que se ri da súa propia complexión física- as que achegaron o elemento caribeño, cruzado con blues, á aleacción primaria do rock & roll. Paul McCartney inspirouse na súa obra para escribir, nos Beatles, Lady Madonna. Mesmo a quinta punk presentoulle os seus respectos: Richard Hell & the Voidoids gravaron I Lived My Life e Jah Wobble, baixista de P.I.L., Blueberry Hill.
A partir dos anos 70, Fats Domino dedicouse maiormente ao circuíto de vellas glorias. Recibiu recoñecementos oficiais, como a Medalla Nacional das Artes de man de Bill Clinton. O vello e salvaxe rock & roll -aínda que Domino respresentou unha face menos agresiva que, por caso, outro pianista como Little Richard- entraba na institución. Xa se convertera nun monumento vivo. Na teleserie Treme (2012), creada por David Simon para tratar sobre os efectos do Katrina na cultura de Nova Orleans, interpretouse a si mesmo.
Con Fats Domino desaparece un dos últimos elos que conectaban a actualidade co rebumbio orixinario do rock & roll.