Música na confeitaría

Trátase da nova e doce oferta da Central Folque. Concerto e máis pastel do día na confeitaría La Esquina de Arzúa no ciclo “Músicas Doces”, que se desenvolverá desde o mes de novembro a xuño de 2013. De Xoán Curiel con pastel de cabelo de anxo a Carlos Quintiá con cesto de mazá, nun programa que se presenta docemente sonoro.
Imaxe do cartaz do programa
photo_camera Imaxe do cartaz do programa

Petiscos musicais servidos á hora do café, na sobremesa das tardes; pasteis sonoros á luz do día”. Así presenta a Central Folque o seu novo ciclo en que, de novo, mesturan a música coa comida, neste caso cos doces preparados na confeitaría La Esquina de Arzúa que tamén se presenta como local de concertos.

Trátase de concertos de pequeno formato e para audiencias reducidas, con contacto directo entre o público e o palco. A entrada pódese reservar a través do enderezo electrónico [email protected] até 15 minutos antes de cada actuación ao prezo de 5€, que dá dereito á música e mais ao pastel. Cada actuación dura arredor de 40 minutos e cada día realízanse dúas, ás 16.30 e 17.30 horas de cada segundo domingo do mes. Repiten experiencia desde a Central Folque, despois do éxito da programación “Petiscos musicais”, sons de “bo dente” que desenvolveron ao longo do verán.

Xoan Curiel, Mónica de Nut, Celso Sanmartín, Davide Salvado, Ugia Pedreira, Benxamín Otero, Ariel Minas e Carlos Quintiá, póñenlle música ao pastel de cabelo de anxo, pastel de coco, empanadiña de crema, pastel amendoado e tortiña de Santiago, cana de crema, pastel de ollo de boi, melindres e cesto de mazá.

Comentarios