CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Puro vicio'

Psicodelia nun filme de intriga. 

vicio

PURO VICIO
Título orixinal
: Inherent Vice
Ano: 2015
Duración: 148 min.
Nacionalidade: estadounidense
Director: Paul Thomas Anderson
Guión: Paul Thomas Anderson
Fotografía: Robert Elswit
Música: Jonny Greenwood
Elenco: Joaquin Phoenix, Josh Brolin, Katherine Waterston, Owen Wilson, Benicio del Toro, Reese Witherspoon, Joanna Newsom, Eric Roberts, Martin Short, Jordan Christian Hearn, Serena Scott Thomas, Michael Kenneth Williams, Jena Malone, Hong Chau, Martin Donovan

SINOPSE
O detective “Doc” Sportello recibe a visita da súa ex-moza Shasta para que lle axude nunha trama na que están involucrados o seu noivo multimillonario, a súa muller e máis o amante desta. Unha complicada intriga na que toda a cidade parece estar envolta... incluso o propio “Doc”.

CRÍTICA
Gústame en xeral o cine de Paul Thomas Anderson:. Boogie Nights, Magnolia, Pozos de Ambición ou The Master son auténticas marabillas, pero hei de admitir que case desde o primeiro minuto de Puro Vicio, unha estraña sensación de sopor apropiouse do meu ser e non me deixou até o remate da proxección. E por certo, dura máis de dúas horas e media. A ver... a película ten un elenco estratosférico, boa dirección e algún momento para enmarcar, pero a excesiva confusión imperante no filme para intentar plasmar a época psicotrópica dos 70, non axuda demasiado á comprensión final. Digamos que se es d@s que gozou coas idas de olla d’O Gran Lebowski, non vas a encontrarlle o punto ás de Joaquin Phoenix. 

"A excesiva confusión imperante no filme para intentar plasmar a época psicotrópica dos 70, non axuda demasiado á comprensión final"

E non quero dicir con isto que ambas películas teñan algo que ver, pero onde unha era pura delicia, en Puro Vicio son un quero e non podo. Semella unha sucesión de caretos en plan “que fago eu aquí, que carallo está pasando”... e nada máis. A historia avanza por sendeiros insospeitados onde hai cabida para investigadores fumetas, moteiros nazis, policías corruptos, dentistas mafiosos, femmes fatales, músicos trasnoitados, magnates pasados de voltas, matóns con sentimentos, belas masaxistas e hippies. Moito hippie... 

Unha voz en off feminina nos introduce na trama que comeza en Gordita Beach. A ex de do detective privado “Doc” aparece na súa chabola para ofrecerlle un traballiño: meter no manicomio a un axente inmobiliario que viu a luz -por mor do ácido- e quere devolver todos os cartos que gañou enganando e expropiando. Unha trama na que tamén está metida a súa propia muller e o amante desta. A medida que investiga, “Doc” vai descubrindo que nada é o que parece. E así toda a película. Sucesión de tramas inconexas que pretenden confluír nun golpe final que non acaba de chegar nunca. 

Destaca, por suposto, Joaquin Phoenix que repite con Anderson tras The Master, Katherine Wasterston coma a ex-moza deste, un Josh Brolin coma un bruto -pero hilarante- tenente “Pés Grandes” e, por riba de todos, un Eric Roberts (O Tren do Inferno) que se destapa nunha das súas mellores interpretacións da súa carreira, a pesar de aparecer apenas dous minutos. A partires de aquí o rexurdir do irmán maior de Julia Roberts? Todo apunta a que non... O resto de reparto vai sendo unha serie de rostros coñecidos (Reese Witherspoon, Benicio del Toro, Owen Wilson, Martin Short...) que van aparecendo para maior gloria deles mesmos. Paul Thomas Anderson adapta a novela de Thomas Pynchot tratando de ser o máis fiel posible á psicodelia argumental que destila a obra, pero se ben isto está ben conseguido, quizás excedeuse na metraxe final. 

A ver... é indubidable a calidade de imaxe, o deseño de arte, a adaptación da época, a planificación e os alardes interpretativos... mais con iso non chega. Ou cando menos a min non acabou de chegarme. O propio Anderson considera o libro de Pynchot como “unha bela mestura de brincadeiras de peidos e de cancións parvas”. En fin, pois iso é Puro Vicio, pero sen graza. Por dicilo dunha maneira suave... rinme moito máis co trailer.

Máis en CULTURA
Comentarios