Desde esta fin de semana xa está dispoñibel, tanto na tenda física como na virtual da Fundación Rosalía de Castro o disco Rosalía cantada (vol. 1 Música clásica).
Trátase dun traballo discográfico gravado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21, que está á venda en plataformas dixitais como Spotify ou iTunes, entre outras, e que se integra dentro das actividades da Casa-Museo.
Rosalía cantada está interpretado polo barítono Eliseu Mera e o pianista Cándido Cabaleiro, que interpretan 12 poemas da escritora musicados por compositores clásicos e contemporáneos como Xoán Montes, Xosé Baldomir, Antón García Abril, Juan Durán, Octavio Vázquez e Fernando Buide.
“Moitas das creacións”, comentan desde a Fundación, “como a 'Negra sombra' de Montes ou o 'Maio longo' de Baldomir, chegaron ao público por versións de intérpretes pop ou folk, o cal contribuíu inmenso á súa difusión, mais ocultou a súa natureza orixinaria”.
Os poemas escollidos foron agora musicados en forma de lieds ou cancións cultas, “forma musical moi popular desde o século XIX e na que se procura a unión entre a voz e o piano para interpretar a poesía e a música”.
Segundo apunta a Fundación Rosalía, promotora da iniciativa "a maior parte destas pezas rosalianas non están gravadas ou aparecen rexistradas de maneira dispersa", de modo que con este novo traballo permítese a súa agrupación e posta e valor.
Rosalía cantada gravouse ao vivo o pasado mes de novembro no Auditorio de Galiza de Compostela, baixo a dirección técnica de Pablo Barreiro e interpretouse na Casa-Museo de Rosalía no serán da pasada sexta feira para un público reducido previa reserva, 30% da capacidade do lugar, como mandan as normas sanitarias fronte á Covid-19.