ANTÓNIO ZAMBUJO, CANTOR PORTUGUÉS

“'Rua da emenda' é un fin de ciclo na miña carreira”

António Zambujo ofreceu este sábado un concerto na Coruña. Desde hai anos Galiza é unha parada obrigada para el, onde mantén un público numeroso e fiel. Hoxe Zambujo é xa un dos grandes da música portuguesa e a súa proxección internacional chega a lugares insospeitados. 

zambujo-ritacarmo
photo_camera António Zambujo [Foto: Rita Carmo]

- Volves á Galiza, a onde vés a miúdo, dentro dunha longuísima xira que te levou por grandes auditorios de todo o mundo. Xa podemos dicir que o fenómeno Zambujo é mundial?
- Nós temos presentado o disco o disco por todo o mundo mais non parece que sexa un fenómeno. Aínda queda moitos sitios para tocar e moitos ocos para mostrar a nosa música. Imos de vagariño. 

- Neste último disco segues colaborando con parceiros letristas como Miguel Araujo, Joao Monge ou Pedro da Silva. Con Araujo tamén estás a facer unha xira a duo.
- Con el fixemos unha serie de concertos en coliseos,en Lisboa e no Porto, e están previstas outras co lanzamento do disco ao vivo e cun DVD. Mais o meu traballo con estes autores é un traballo permanente, non nos encontramos só cando vou gravar discos ou algo así, estamos moitas veces xuntos e de aí van saíndo ideas para novos proxectos. O que aconteceu con Miguel pode volver acontecer eventualmente. Eu tamén fixen músicas para Ana Moura, para Carminho, para Raquel Tavares. Eu gosto de facer músicas, como non fago letras, sempre teño que facer parcerías con outra persoa. 

- Tamén inclúes no disco dúas versións, de dúas linguas próximas, unha de Jorge Drexler e de Serge Gainsbourg. Fáltache unha en inglés. 
- Xa gravei en inglés, pero foi no disco doutra persoa. O inglés non é unha lingua que me seduza tanto. O francés -quizais por tocar moito en Francia- comecei a identificarme máis co francés e coa música francesa. O español por unha cuestión de proximidade e por admirar moito o traballo de Drexler, foi por iso que decidín facer unha versión. 

- Sigues gustando de utilizar o humor nas túas cancións, ao igual que noutros discos. 
- Eu gosto de contar historias que poidan ser reais, que poidan acontecer a calquera persoa que as escoita. É ese o tipo de linguaxe co que me identifico. O sentido do humor probablemente será unha defensa para vencer a timidez, mais é unha cousa que me sae naturalmente cando estou a cantar. 

"Inevitabelmente acabas por influenciarte por todo o que escoitas"

- Estou a falar do tema dos Flinstones, claro. 
- É un manual para os homes que saíron até tarde, un manual de desculpa para dar na casa cando chegan. 

- Anunciaches que este disco supón un fin de ciclo. Por que?
- Non sei, cando estaba a gravalo sentino así, que 'Rua da emenda' é un fin de ciclo na miña carreira, deste son que nós estamos a facer, con concertos ao vivo e esta banda. O que vai acontecer despois sinceramente non o sei, porque aínda falta para sacar un novo disco e agora estou a preparar un disco só con músicas de Chico Buarque que está case rematado. Aínda non teño unha idea concreta do que farei no vindeiro disco de músicas orixinais. O importante é a voz e a guitarra, a partir de aí terei que construír outra cousa mais sempre con isto como base. 

- Vas coller un descanso ao remate desta longuísima xira?
- O proceso de creación é un proceso permanente, eu vou estar a pensar sempre en músicas novas, en ideas para logo concretar, a xira de feito é moi longa, comezou no final de 2014 e fixemos máis de 120 concertos, e temos 80 ou 90 marcados, e para o ano imos ver que vai acontecer. Temos o novo disco coas músicas de Chico Buarque e ese disco será acompañado dunha pequena xira, mais despois ti nunca sabes o vai pedir o público. Mais a idea é facer unha xira un pouco máis pequena. 

- O disco con Chico Buarque é con el ou ti interpretando temas del?
- As dúas cousas. Hai temas con el e outros nos que eu interpreto temas del. Fixen unha escolla de repertorio en conxunto con el, participou nas adaptacións, estou moi contento co resultado do disco. 

- Nos últimos anos a túa relación con Brasil incrementouse moito, non?
- Xa desde 2008, que foi cando o meu disco 'Outro sentido' saiu alá, e desde entón fomos con moita frecuencia alá, estivemos en moitas cidades e non só concertos, senón en parcerías, temos feito moitas cousas con Rodrigo Maranhaño, recuperación dalgúns temas antigos, fixemos novos arranxos, e contactos con ídolos que eu non imaxinaría nin sequera coñecer, como o caso de Chico Buarque, do Ney Matogrosso, Caetano, Milton Nascimento... Foi unha experiencia moi enriquecedora para min. 

- Nos últimos anos a túa música brasileirizouse tamén?
- A influencia foi importante para min desde que ouvin o primeiro disco de Joao Gilberto. A partir de aí houbo un 'clic' na miña cabeza. Acho que hai unha serie de músicos que influenciou moitísimo na miña forma de imaxinar a música, Joao Gilberto, Chet Baker, Tom Waits... outros músicos máis de sentimento caso de Rodrigo Amarante, por exemplo. En fin, inevitabelmente acabas por influenciarte por todo o que escoitas. Agora cos coliseos, o contacto máis próximo con Miguel Araujo, que ten unha influencia máis anglosaxona na forma de escribir as cancións, na forma de tocar e iso tamén acabou por mudar un bocadiño o meu pensamento. Agora escoito máis Bob Dylan, máis Dire Straits, e iso acabou por alterar un pouquiño a miña forma de imaxinar algunhas tensións que xurdiron nese periodo, entón acaba por ser un bocadiño ao final o resultado do que escoitamos.

Máis en CULTURA
Comentarios