ENTREVISTA

Ruper Ordorika: “Sempre me sentín cómodo nesa zona en que se dan a man música e poesía”

O cantante de Oñati estivo na Galiza para apoiar a presentación de ‘Alén da fronteira, Sete poetas vascos’, unha edición bilingüe éuscaro-galego das editoriais Factoría K e Pamiela.
Ruper Ordorika
photo_camera Ruper Ordorika

Unha pequena sala de actos da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela. Dúas horas antes da presentación de ‘Alén da fronteira, Sete poetas vascos’, Ruper Ordorika móvese polo tamén pequeno escenario comprobando o son de micros e algúns instrumentos. Fóra da sala, moito movemento de estudantes e tamén algúns vellos que devagar len os xornáis do día. Entra na, pequena, sala Emilio Cao e saúdanse coa confianza que dan os reencontros tras anos de amizade. Ordorika pídelle a Cao que lle dea unha opinión sobre o son da sala. O compostelán fica ao fondo da mesma e o de Oñati sube ao, pequeno, escenario e canta: “Na noite de San Xoán onte…”. Cao sorrí e comenta: “Alguén tiña que gravar isto”. A Henry Bengoa teríalle gustado ver ese momento.

Ordorika leva publicados 20 discos nos seus máis de trinta anos nisto da música. Sempre en éuscaro. Unha elección que, recoñece, xa de principio “fai que che metan no saco do non homologábel”. Demasiado rockeiro para o que quizás se pode entender coma cantautor e demasiado poeta para o que quizás se pode entender por rock, poucos coma Ruper Ordorika teñen o respecto de ambas as escenas, non só en Euskal Herria, senón mesmo no Estado español.

Pregunta: Por que o apoio dun músico a un proxecto literario como este?

Resposta: Bon, son moitas as razóns. Unha, que teño moita relación con Pamiela (Editorial vasca que colabora con Factoría K nesta escolma de poetas euscaldúns). Convidoume a participar en Inglaterra nun acto semellante a este que facemos en Galiza, daquela para presentar unha antoloxía de poetas vascos en inglés. Cando volvín, propuxen á editorial facer iso mesmo, traducir autores vascos, con outros idiomas coma o galego. Xuntando poetas referenciais (Atxaga, Sarrionaindia…) con poetas doutros rexistros, o que posibilita ter unha visión da poesía actual en euskera. E outra razón é que sempre sentín paixón pola poesía.

P: No teu último disco, ‘Hodeien Azpian’, e ao igual que no anterior, xa es responsábel de escribir todas as letras cando até o de agora sempre introducías letras dalgúns autores vascos. Abrindo as portas a un poemario?

R: O certo é que sempre escribín. Mais é unha cuestión, por decilo así, de método. Se vexo algo escrito que considero que pide ser cantado, non me resisto. Iso si, precisas sentirte identificado con el porque un bo poema non fai necesariamente unha boa canción. En canto ao de escribir un libro, pois xa mo teñen proposto mais o certo é que non o teño nada claro. Sempre me sentín cómodo nesa zona en que se dan a man música e poesía.

P: Tes posto música a poemas de Atxaga, Sarrionaindia… semella que hai unha gran fluidez entre música e poesía no teu país

R: Hai. De feito, hai moitos cantantes que nunca escribiron a letra dunha canción mais a base de textos doutros crearon un mundo propio, como Mikel Laboa.

P: Desde aquel “Hautsi da anphora” (1980) até este último disco, que variou na música de Ruper Ordorika?

R: Pois non o teño moi claro. Non me acordo (risos). Eu creo que sufrín unha evolución notábel, mais ao mellor outros non o ven así. A miña paixón pola música segue a estar aí igual que ao principio, e iso é o que manda. Evolucionei, mais estou no mesmo, aprendendo… (risos de novo). Por decilo así parte da confluenza de dous eixos. Un que parte do meu afecto pola lingua vasca e a música popular. E outro eixo que me liga ao meu tempo, que é o do rock, que é unha actitude.

P: Tamén pasou tempo desde “Pott” (grupo de creación que a principios dos 80 innovou e revolucionou a escena vasca e do que Ordorika formou parte). Visto desde hoxe, foi tan importante para a literatura vasca?

R: Pois non sei, desde logo nós non tiñamos idea de ser importantes, se ben para min persoalmente si que foi algo importante. Non obstante recoñezo que non podo velo aínda con perspectiva.

P: E no debate sobre internet, descargas…

R: Estamos no comezo dun cambio extraordinario. A tecnoloxía levounos a situacións que hai 10 anos eran ciencia ficción. Ao tempo, levamos non sei cantos anos escoitando que o CD está morto, pero todos seguen gravando CDs, desde Milladoiro a Madonna. Tamén din que son caros, que se venden a un prezo moi alto. Na miña época un disco custaba 2.500 pesetas e o menú do día, 300. Iso si que era caro!

P: 20 discos en tres décadas, non existe crise creativa?

R: Algúns deses discos son recopilatorios, directos… A verdade é que son bastante lento. Vou tirando dun xeito insospeitado até para min mais non obedece a un plan. Teño ganas de facer outros 20.

P: Que pegada está a deixar o novo escenario político vasco no mundo da creación (literaria, musical, artística…) de Euskadi?

R: O mero feito de cantar en euskera xa te mete no saco do non homologábel, e iso é algo que non vai cambiar fácilmente. É indubidábel que vivimos tempos moi difíciles mais sorprendería coñecer atá que punto no creativo había proxectos e iniciativas de todo tipo. O certo é que tratar todo isto é un tema complicado, non é para falar á lixeira.

P: E para cando a volta de Sarri?

R: Agardo que pronto. Son 30 anos sen estar en Euskal Herria. Que volva sería todo un símbolo e si que teño ganas de poder velo. Vivimos tempos esperanzadores a pesar de ver como todo se desmorona.

Tras a entrevista, e de volta á, pequena, sala da Biblioteca onde vai actuar, Ordorika nomea toda unha serie de autores galegos traducidos ao euskera. Desde Manoel Antonio a Ferrin, pasando por C.E. Ferreiro, Uxío Novoneyra ou Castelao. “Hai máis galegos traducidos ao vasco que viceversa”, comenta. Para paliar ese défict naceu ’Alén da fronteira’, a edición bilingüe de poetas vascos, obra da colección de poesía Tambo, da Factoría K (Kalandraka). E Henry Bengoa sorrí.

Máis en CULTURA
Comentarios