Sonia Castelo: “Unha serie como “Hospital Real” apórtalle valor engadido á TVG”

A TVG emite este domingo o capítulo final da primeira tempada de“Hospital Real”, baseada na historia do edificio que alberga o Hostal dos Reis Católicos. A actriz Sonia Castelo forma parte do amplo elenco desta serie que ofrece unha historia do século XVIII rodada en escenarios como o Pazo do Faramello ou o convento de Herbón. Defende que a serie aporta á TVG, ademais de entretemento e intriga, valores patrimoniais, culturais e históricos. 

SoniaCastelo1

-Este domingo remata a primeira tempada de Hospital Real, que aporta á programación da televisión pública?

Fala do noso século XVIII, como eramos e como se vivía en Santiago desde moitos ámbitos, coa investigación histórica, o primeiro deles. Explica a situación das distintas clases sociais e presta unha especial atención ás mulleres nas que pon o foco de maneira singular. Como se tiñan que comportar, ate onde debían chegar... o personaxe de Tamara Canosa ou o meu son mulleres moi diferentes, con ferramentas distintas para traballar diante da vida. A miña forma parte dunha nobreza que vive coa perpetuidade do apelido mais está tamén a burguesa que representa María Vázquez que quere romper fronteiras. Pódese coñecer o papel da muller en distintos estratos sociais. Ao meu ver, para unha televisión pública un proxecto como este é moi relevante e responde ao que é o seu obxectivo por lei, máis alá das audiencias. A serie promove valores patrimoniais, culturais e históricos e apórtalle estes valores engadidos á TVG. Os que queremos unha televisión que aposte pola calidade e diferenciación estamos contentos pola produción de “Hospital Real”. 

-O mosteiro de Herbón ou o Pazo do Faramello son algúns dos escenarios de Hospital Real. Engaden tamén valor á serie?

"É a primeira vez que se vende unha serie producida aquí a unha televisión estatal, neste caso á RTP, a canle portuguesa".

Indubidabelmente. O patrimonial é un dos valores que aporta. Rodar nun pazo do século XVII, con decorados naturais, dá un valor engadido á produción. Estamos pisando a pedra que pisaron por aquel entón. A nós, os actores e actrices, dános moito traballo feito xa que non temos que trasladarnos a outro tempo. 

-Poñerse na pel dun personaxe do século XVIII é máis difícil que dunha muller do seu tempo?

Agora comunicámonos máis coas mans, o espazo vital amplíase e a expresión corporal é maior porque hai máis liberdade que daquela. Naquel tempo os movementos eran moi contidos, mesmo a xesticulación facial. Todo isto é preciso telo presente mais tamén é certo que poñer os marabillosos traxes xa axuda porque o

 

brígache a estar recta. A composición do personaxe vén tamén desde afora, perruquería, vestiario, maquillaxe... todo axuda. 

-Para esa equipa técnica o traballo é maior?

SoniaCastelo4

Traballan arreo. A maquillaxe non era a mesma e as especialistas en maquillaxe non quedan aí senón que dan un paso máis. Hai produtos que daquela non existían. En vestiario, os corchetes non se usaban aínda e por iso non se poden poñer nos traxes.Compre ter todo isto en conta. Os de arte, por exemplo, teñen que ter coidado de que nun plano non saia un enchufe ou un cable. Cómpre ter vinte mil ollos para que non pase nada que non se corresponda ao seu tempo. 

-Pedro Alonso, Tamara Canosa, Miguel de Lira, Susana Dans, Carlos Blanco, Javier Gutierrez... o elenco é un dos fortes desta serie?

É outro dos valores engadidos. Para min, a nivel persoal, é unha grande sorte traballar con compañeiros que dan moito, gozar no propio traballo. Ademais, moitos comezamos a un tempo e levamos xa anos neste mundo. 

-Na súa traxectoria as series televisivas ocupan un lugar especial, é un produto no que se sinte cómoda?

Se boto a vista atrás vexo que tiven sorte. Na Galiza fixen “Mareas Vivas” que é un referente das series e agora estou en “Hospital Real”que é unha serie redondo. Fora participei en “Policías” ou “Motivos personales”, entre outras moitas. Tiven a fortuna de participar en series que, ademais, me gustaban moito. 

-Dentro do mundo audiovisual, este é o momento das series televisivas?

En Hollywood din que o mellor cine estase a facer en televisión. Hai grandes profesionais en todas as facetas e é case como facer cine comprimido aínda sen deixar de ser unha historia cunhSoniaCastelo2a trama que engancha, que te mantén pendente de cada capítulo. 

-Unha serie como “Hospital Real”, producida por Ficcións Producións para a TVG, pode exportarse?

Xa se exportou e é a primeira vez que se vende unha serie producida aquí a unha televisión estatal, neste caso á RTP, a canle portuguesa. Con “Mareas Vivas” distribuírase ás televisións autonómicas. A pesar de estar centrada no edificio do Hostal dos Reis Católicos a historia que conta é universal. 

-O seu papel non é que se dia bondadoso, como se leva meterse na pel dunha “mala”?

Non creo que sexa mala. É unha muller que tivo que vivir coas armas e ferramentas da época. Estou certa de que agora non reaccionaría así. Non é doado saír adiante viúva e coa situación na que está. 

Máis en CULTURA
Comentarios