“Encontro de música multicultural que conxuga bandas consagradas e novos proxectos”, defínese a organización. En concreto, sete grupos galegos e oito portugueses. E con implicación social, ecolóxica: “Un euro de cadar entrada vendida irá destinada á repoboación forestal autóctona transfronteiriza”.
A bisbarra, recoñecida como eurorrexión pola Unión Europea, atópase inzada de eucaliptos. E esta especie non é allea aos incendios que o pasado ano queimaron amplas superficies en Galiza e Portugal. “Un dos principais obxectivos deste festival é a obtención de fondos para a reforestación con especies autóctonas de dúas áreas ardidas a cada lado do río Miño, en Verdoejo, Valença, e en San Xurxo, Salceda de Caselas”, explica o propio festival.
Para recadar eses fondos, o encontro musical, que arrinca esta sexta feira 27 de xullo e remata o domingo 29, convocou bandas portuguesas como Bratner ou Plastic People ou galegas como Moito!, The Lelli Kelly's ou Breakin' Bones. “O noso festival está concibido para fortalecer os lazos cultuais e afectivos entre a poboación e os artistas da nosa eurorrexión, creando raíces fortes e saudábeis”, di a asociación promotora, Eventos Faz Diferente.
Os concertos do Verdoejo van acompañados do Land Art Valença, en que artistas galegas e portuguesas “van crear obras in situ, inseridas na temática dos incendios que decimaron as forestas, as casas e ate destruíron a vida das persoas”. Será en colaboración coa Bienal de Vilanova da Cerveira.