A VIII Xornada de Onomástica explorará o papel dos nomes de lugar e persoas na cultura popular

O Museo de Pontevedra será a sede dun evento organizado pola Real Academia Galega.
Retrato de Antonio Reigosa. (Foto: Edicións Embora).
photo_camera Retrato de Antonio Reigosa. (Foto: Edicións Embora).

A VIII Xornada de Onomástica arrancará o próximo 21 de outubro no Edificio Castelao, do Museo de Pontevedra, e explorará o papel dos nomes de lugar e persoas na cultura popular galega.

O encontro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG) organízase en colaboración coa Deputación de Pontevedra e do museo pontevedrés. A edición deste ano prestará especial atención á presenza dos nomes de lugares e persoas no cancioneiro popular, segundo informou a RAG a través dun comunicado.

Ademais, haberá tempo para coñecer experiencias desde o mundo educativo relacionadas co tema da xornada, que concluirá cunha actuación musical de Tralo-Valo. As sesións desenvolveranse en horario de mañá e tarde.

A sesión da mañá continuará cunha contribución de Antonio Reigosa Carreiras sobre a onomástica no conto galego de tradición oral e unha mirada á relación entre a onomástica e a antropoloxía na Galiza de Elena Freire Paz.

A sesión da tarde terá comezo nun relatorio de Carlos Baliñas Pérez sobre os usos sociais do 'cognomentum' (alcumes, sobrenomes, nomes familiares...) na Galiza altomedieval e seguirá cunha contribución desde o mundo da didáctica, como é costume nestas xornadas desde os seus comezos. A sesión vespertina concluirá cunha actuación musical de Tralo-Valo, con Carmen da Pontagra na voz e na percusión e Arial Ninas na zanfona.

Os topónimos, os nomes de persoa e os nomes de santos no cancioneiro centrarán os tres primeiros relatorios, a cargo de Domingo Blanco, Xosé Miranda Ruíz e Xosé Ramiro Cuba Rodríguez, respectivamente.

Os interesados en seguir as xornadas de modo presencial deben inscribirse enviando un correo electrónico, antes do 18 de outubro, a [email protected] co nome e apelidos, DNI e teléfono para contacto.

Comentarios