Esgotados todos os titulares altilocuentes do estilo "O peor Deportivo da historia" ante os constantes golpes de realidade padecidos polo conxunto coruñés, non queda senón limitarse a reflectir sen dramas a realidade dun club que comezou a tempada 2020/21 coa bitola de ser o mellor equipo que endexamais pisase os céspedes da categoría de bronce e que, a día de hoxe, acumula máis de dous meses sen coñecer a vitoria, seis partidos negros nos que sumou tres puntos de 18 posíbeis.
Estas cifras fixeron que a escuadra branquiazul pasase da cabeza da táboa até o cuarto posto, fóra das prazas que dan acceso á fase de ascenso a Segunda División. Pero mal faría o Deportivo en seguir pensando nunha quimérica subida de categoría cando por detrás asexan Rácing, Celta B e Pontevedra, que están a un, dous e tres puntos dos coruñeses cun partido menos, dous no caso do filial celeste.
Así, logo do empate sen goles entre Dépor e Unionistas, o triunfo do Compostela no derbi galego ante o Coruxo (3-2) resulta aínda máis valioso, pois grazas a el un equipo configurado para a permanencia e que o ano pasado estaba en Terceira agora soña cun hipotético ascenso a Segunda.
Tamén miran alto Rácing de Ferrol, que rañou un empate (1-1) na casa do sempre aguerrido Zamora, e o Celta B, que conseguiu sumar un novo punto en Barreiro ante o complicado Pontevedra de Charles e compañía.
Gris empate do Celta
Nun encontro marcado polos tremores de terra que sufriu a cidade de Granada nos últimos días -tan só durante as dúas horas que se estendeu o partido tiveron lugar catro terremotos de até 2,5 graos de intensidade-, o Celta volveu de Andalucía cun gris pero valioso punto.
As notas celestes máis destacadas ante o Granada do vigués Diego Martínez foron un inane regreso de Iago Aspas; a ausencia, semella que definitiva, do até agora imprescindíbel Lúcas Olaza, que reforza un rival directo como é o Valladolid; e a estrea do arxentino Augusto Solari como futbolista celeste, quen na media hora que permaneceu sobre o céspede do Nuevo Los Cármenes non tivo oportunidade de demostrar a súa calidade.
O Lugo cae en Leganés
A escuadra albivermella, pola súa banda, perdeu na casa do Leganés, un rival directo (3-2) na loita por entrar no 'play-off'.