O gromo de coronavirus no Club Deportivo Lugo continúa aumentando. Logo de tocar teito no primeiro equipo, onde alcanzou a cifra de 27 persoas afectadas entre futbolistas, preparadores e auxiliares, un novo cribado destapou que o conxunto filial tamén está afectado.
Concretamente son cinco persoas -tres xogadores e dous membros do cadro técnico- as positivas en Covid-19, polo que o maior gromo de fútbol aínda continúa fóra de control.
Mais non é a albivermella a única entidade que está sendo golpeada pola pandemia. O último club galego en padecer os seus efectos foi o Real Club Celta de Vigo, que menos dunha semana despois da disputa do seu último encontro neste 2021 -e a dez días vista do seu regreso competitivo- ve como os casos positivos comezan a multiplicarse entre o seu cadro de xogadores.
Segundo avanzou a Televisión da Galiza (TVG), son catro os futbolistas diagnosticados: o defensa colombiano Jeison Murillo; os centrocampistas Fran Beltrán e Brais Méndez -quen xa padecera a Covid-19 no ano 2020- e o dianteiro Manuel Agudo Nolito. Todos eles terán que estar mínimo 10 días confinados, polo que son baixa practicamente segura para xogar contra o Betis o 2 de xaneiro.
O Estremadura, fóra da Primeira RFEF
A terceira categoría do fútbol estatal, a Primeira RFEF, botou a andar o pasado mes de agosto con 20 equipos -entre eles Deportivo da Coruña, Celta B e Rácing de Ferrol-, pero finalizará con 19.
O Estremadura Unión Deportiva, logo de moitos meses de crise e mesmo de non disputar un partido o 14 de novembro -precisamente ante o Dépor- como medida de presión por parte de xogadores, corpo técnico e traballadores para solucionar os problemas de falta de pagamentos, desaparece.
O administrador concursal do club confirmou na xornada desta quinta feira que solicitará á xuíza responsábel do concurso de acredores que liquide o club debido a que este resulta "inviábel" economicamente.
Así, as súas elevadas débedas levarán ao Xulgado do Mercantil de Badaxoz a determinar que o actual Estremadura UD siga os pasos do xa desaparecido Club de Fútbol Estremadura, escuadra predecesora da actual e que se disolveu polas mesmas causas no 2010.