Depor, Celta e Ourense caen fóra da casa

As equipas galegas non tiveron unha boa fin de semana e perderon os seus partidos como visitantes. O Lugo recupera o seu xogo e adianta a festa da cidade coa súa vitoria perante o Mirandés
Lugo 2 - Mirandés 0
photo_camera Lugo 2 - Mirandés 0

O Depor non puido co factor campo
A expectación que agardaba este partido, despois dos malos resultados dos brancos, durou pouco. O primeiro tanto do encontro, obra de Riki, nun Madrid sen organización nas súas liñas mantivo a ilusión uns minutos mais quedou niso, nunha ilusión. Os de Oltra saíron pouco convencidos das súas posibilidades e diante dos de Mourinho hai que xogar de poder a poder. Despois deste primeiro gol chegou a reacción madridista... da man do árbitro. Unha falta de Manuel Pablo a Di María fóra da área transformouna como penalti Ronaldo e aquí remataron as opcións do Coruña que aínda aguantou en defensa até que chegou o gol de Di María. Ronaldo, Pepe e outra vez Ronaldo, de penalti, pecharon un marcador se cadra inxusto para o traballo que realizou o Deportivo no Bernabeu.

O Celta perde en Granada
O dominio do Celta en Granada non lle valeu para traer a Balaídos algún dos puntos en xogo. Nunha das primeiras xogadas dos locais o árbitro Velasco Carballo sinaloulle penalti a Bellvís que transformou con facilidade Siqueira no primeiro gol do Granada. Era o minuto 11. Nervios nos visitantes e a contragolpe chegou o segundo cun centro de Siqueira e un remate a tracer de Torje. Cos dous goles en contra o Celta buscou remontar e conseguiu asustar o Granada cun gol de Iago Aspas pouco despois. A calidade dos "celtiñas" amosouse o resto do encontro con varias oportunidades que sempre atoparon o seu fin nas mans de Toño. No remate non conseguiron remontar e os tres puntos quedaron en Granada. Resultado final: Granada 2 - Celta 1.

O Lugo súmase á festa
Despois de seis xornadas sen gañar o Lugo conseguiu unha vitoria moi importante. Diante da súa afición e contra un rival que lles podía, non o tiñan doado. Os tres puntos desta fin de semana son dos que suman ao remate da liga case o dobre: os teus e os do outro. Marcou o Lugo na primeira parte despois dunha falta que lanzou Tonetto e que abriu a posibilidade dalgún tanto máis pola presión no campo do Mirandés. Na segunda parte o Lugo sentenciou o partido cun gol de Pablo Álvarez. A agardada reacción do Mirandés non chegou e o encontro rematou en festa para unha cidade que vive xa a súa na rúa. Resultado final: Lugo 2 - Mirandés 0.

O Ourense perde outra oportunidade
O partido de Luanco foi dos de manual, en negativo. Ao Ourense chegoulle con dez minutos para perder outra grande oportunidade de gañar os tres puntos. Os de Luisito encaixaron tres goles entre o minuto 44 e o 54 e o gol de Jona, de penalti, só foi unha miraxe. O Ourense queda, por agora, en postos de promoción de permanencia. Resultado final: Marino 3 - Ourense 1.

Imaxe: Brigadas Lucenses

Comentarios