Fernando Vázquez pretendía empregar este encontro de primeira fase da Copa do Rei entre o Dépor e o modestísimo Club Deportivo El Ejido para, tal e como afirmaba na previa, "reanimar non só o equipo, senón tamén a afección" despois da dolorosa derrota ante o Celta B o pasado domingo.
Non obstante, a realidade esnaquizou os plans do técnico de Castrofeito, e a pesar de conseguir superar a eliminatoria, a pírrica vitoria por 1-0 ante un rival teoricamente moi inferior e, o que é peor, o paupérrimo nivel de xogo branquiazul e as pésimas sensacións que sobre o campo transmitiron os seus pupilos non fan senón acrecentar esa sensación de opresión, de crise perpetua na que o Dépor parece levar instalado non xa desde o descenso a Segunda B, senón durante os últimos dez anos.
Vázquez dispuxo un once inicial moi semellante ao que habitualmente emprega na Liga, sendo a principal novidade o único home que sae reforzado deste encontro, Lucho García, habitual porteiro suplente e máximo responsábel coas súas paradas de que o Deportivo conseguise superar este primeiro chanzo na Copa.
Con permiso do árbitro, claro, que a pesar de expulsar -de modo totalmente xusto- o local Borja Granero no minuto 35 após agarrar infantilmente o dianteiro Ion Etxaniz logo dun dos numerosos erros defensivos da zaga branquiazul, anulou dous goles totalmente legais do propio Etxaniz e de Sergio Pérez para o Club Deportivo El Ejido.
A derrota non amarga o debut do Ribadumia
O Clube Deportivo Ribadumia viviu hoxe o día máis importante nos seus 51 anos de historia, pois estreouse na Copa do Rei e ante o Cádiz, considerado o equipo revelación da Liga na Primeira División. Como era previsíbel, os de Luís Carro caeron eliminados (0-2), pero fixérono coa máxima dignidade, xogando sen ningún medo, mantendo a portaría a cero até o minuto 33 e chegando a ter o empate nunha maxistral volea de Cheri que marchou fóra por moi pouco.
Pola súa banda, o Compostela non puido comezar peor o seu choque contra o Ibiza, pois no minuto seis xa estaba por detrás no marcador, pero Óscar Conde axiña anotou (minuto 20) para estabelecer un empate que se prolongou até o final do partido, obrigando a disputar a prórroga no momento de feche desta edición, tempo no que o Pontevedra-Cartagena se atopaba no tempo de descanso con vantaxe (1-0) para os galegos.
Ademais, o Celta preparabase para saltar ao céspede do Carlos Tartiere de Oviedo para enfrontarse coa Unión Deportiva Llanera co recuperado Emre Mor como gran novidade no once inicial.