Laura Rey, powerlifter: "Na Galiza apenas existe representación do powerlifting, e menos do feminino"

O inmenso mosaico do deporte galego continúa medrando, e cada vez son máis as disciplinas que deparan glorias deportivas á Galiza. Unha destas modalidades é o powerlifting, onde brilla con luz propia Laura Rey (Compostela, 1993), que vén de lograr unha medalla de ouro no Campionato de Europa de Suecia.
O powerlifting consta de tres movementos básicos: sentadilla, press banca e peso morto. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O powerlifting consta de tres movementos básicos: sentadilla, press banca e peso morto. (Foto: Nós Diario).

Cales son as diferenzas principais entre o powerlifting e a halterofilia?

Os dous son deportes de expresión da forza máxima. A halterofilia baséase en dous movementos, que son a arrancada e o dous tempos, mentres que no powerlifting son tres: a sentada (squat), o press banca (bench press) e o peso morto (deadlift). Logo, en ambas as disciplinas hai tres intentos por cada movemento e gaña a persoa que consiga un maior total nos dous ou nos tres movementos, segundo sexa halterofilia ou powerlifting.

Pero o seu deporte non consiste só en estar forte, senón que tamén ten outras arestas que o dotan de complexidade. Cal é o peso da técnica no powerlifting e como distribúe vostede os seus adestramentos?

Depende do momento en que nos atopemos, porque cando estou máis lonxe das competicións priorizo o traballo técnico e o accesorio de hipertrofia para gañar máis masa muscular, entre outras cousas, e cando se achega a proba diminúo moito o volume, que é a cantidade de traballo, e aumento a intensidade, é dicir, a forza, que a nivel de sistema nervioso é moito máis intenso e require unha maior recuperación. Non se pode tirar forte todo o ano porque habería lesións, case seguro. Logo, no día da competición, xa é cando se expresa a forza máxima. 

Como se introduciu nesta disciplina e canto tempo leva practicándoa? 

Co meu adestrador levo catro anos, aínda que xa facía algo no ximnasio previamente. O achegamento foi a través duns amigos, porque eu fixen toda a vida patinaxe artística, que non fai falta dicir que non ten nada que ver co powerlifting (ri), pero como tiven que marchar até A Coruña por estudos desvinculeime do meu club de patinaxe e apunteime a un ximnasio cos amigos das clases. Algúns deles xa tiñan algún coñecemento do powerlifting, e así foi como entrei en contacto co meu adestrador, que debeu de ver certo potencial, supoño, porque me animou a competir. Neste sentido, considero que sería positivo fomentar a creación de máis clubs na Galiza, pois só hai un en Ferrol e non existe moita representación do deporte, e moito menos das mulleres, pois eu mesma tiven que prepararme fóra, en Madrid.

Na súa disciplina, polo menos a nivel estatal, a primeira competición desde a irrupción da pandemia non foi até marzo de 2021, o IV Rexional de Powerlifting da Comunidade de Madrid, Castela a Mancha e Estremadura. En perspectiva, tras un ano sen actividade, como levou esa parada competitiva? 

Eu adestro cinco días á semana, entre dúas e tres horas cada día, co obxectivo de expresar en moi pouco tempo os esforzos realizados durante todo o ano. Partindo desa base, hai que ter moi claro que estar namorado deste deporte e do seu proceso é fundamental, non se pode ir soamente a por un resultado final porque a cantidade de horas e de adestramentos que hai detrás non sempre se ven reflectidas na tarima. Pero, evidentemente, a todas nos gusta ese momento da competición, de compararnos coas demais, de mostrar todo o traballo feito durante o ano, e coa pandemia xa non é que non houbese probas, era peor, porque as programaban pero adiábanas constantemente, polo que foi un período un tanto complicado no que a competición decaeu un pouco.

Sen deixar o tema da pandemia, como fixo para manter a forma nunha época na que os ximnasios estaban totalmente fechados? Porque a masa muscular custa moito gañala, pero pérdese moi rapidamente cando se deixa o exercicio, e na súa disciplina ese é un factor fundamental.

Fun unha privilexiada, porque a chegada da pandemia coincidiu con que estaba traballando nun centro deportivo, pois son fisioterapeuta. Entón, levei moito material para adestrar ao faiado da miña casa, e prepareime máis incluso do que o faría en condicións normais. Síntome moi afortunada, outros compañeiros non tiveron tanta sorte e tiveron que buscar fórmulas para poder adestrar, empregando o seu propio peso corporal, garrafas de auga, mochilas cheas de libros... 

De todos os modos, ese regreso competitivo non puido ser mellor, pois proclamouse campioa na súa categoría, -57 quilos (e subcampioa absoluta), cun levantamento de 365 quilogramos, peso que engadía 10 quilos ao récord de España. Satisfeita?

Si, a verdade é que foi unha tempada moi boa, tanto a nivel galego como estatal, non podo estar máis contenta. Ademais, tamén quero destacar que o mero feito de poder viaxar a Suecia para poder participar no Europeo e medirme con rapazas tan fortes, especialmente as francesas e as dos países nórdicos, foi todo un privilexio. E xa o de volver cunha medalla de ouro paréceme incríbel.  

Cales son as súas metas para o vindeiro ano 2022?

Continuar adestrando para estar forte para o Estatal, que se disputa en abril, e, se fose posíbel, volver medirme a nivel europeo e tratar de escalar postos na clasificación xeral. Tamén temos Campionato do Mundo, pero será en Sudáfrica e quen sabe se cambiará de sede pola Covid-19. 

Comentarios