O Celta sobe máis un chanzo cara a Primeira

O conxunto celeste impónse cun contundente 4-0 ante o Alcoyano e disponse a librar a batalla pola segunda praza do ascenso contra o Valladolid, que este domingo se enfronta ao Sabadell

O Celta continúa firme a súa andaina cara a Primeira División despois de sumar o seu quinto triunfo consecutivo ante o Alcoyano (4-0). A diferenza do que sucedeu a pasada tempada, cando perdeu o ascenso no tramo decisivo da Liga, o equipo de Paco Herrera chegou moi forte ás últimas xornadas.

O primeiro gol, de Alex López, chegou cando ía un minuto de encontro. Iago Aspas, tras un pase en profundidade de Bermejo, bateu a Dorronsoro cando pasaba máis da metade da primeira parte. O Alcoyano empezou a facerse co balón, mais a defensa e o contragolpe non debilitaron o conxunto celeste. No segundo tempo dominaban os alacantinos, mais os de vigo creaban ocasións de verdadeiro perigo con rápidas transicións.

Joan Tomás, que acababa de entrar no terreo de xogo, desaproveitou unha gran oportunidade ao estrelar o seu remate contra a rede lateral. E puido pagalo o seu equipo, xa que no minuto 71 Antonio Cañadas rozou o tanto cun lanzamento de falta directa que puxo en apertos a Sergio. Pero dous minutos despois, tras outro novo contraataque, Alex López redondeou a súa gran actuación. Orellana pechou a goleada co cuarto pouco despois. A guerra pola segunda praza cara o ascenso líbrana o Celta e o Valladolid, que este domingo se enfronta contra o Sabadell coa presión da goleada celeste.

Comentarios