Continuando co programa #EuQuedoNaCasa e #ActívomeNaCasa, que se vén desenvolvendo desde o Concello da Coruña, a Concellaría de Deportes organiza o I Torneo e-Sports Cidade da Coruña, no que poderá participar toda a veciñanza maior de 16 anos.
A competición de FIFA 20 para Playstation 4 desenvolverase a partir do vindeiro día 17 de abril, e os encontros retransmitiranse vía streaming pola web municipal.
O Regulamento e o formulario de inscrición están xa dispoñibles na páxina web do Concello, así como nas redes sociais da propia Concellaría.
As persoas interesadas poderán inscribirse desde hoxe até as 23:00 horas do día 15 de Abril de 2020, e recibirán nos seus enderezos electrónicos a confirmación da súa participación, así como a data na que xogarán o seu primeiro partido, o seu rival e as instrucións para facelo.
Os e as participantes optan a gañar como primeiro premio unha Playstation 5 e un xogo FIFA 21 –que recibirán cando estean dispoñíbeis no mercado, probabelmente no último trimestre do ano-, así como o dereito a competir nun partido contra o gañador do partido de FIFA 20 que disputarán futbolistas profesionais do Dépor e do Celta e que tamén será retransmitido pola web do Concello da Coruña.
O obxectivo da iniciativa é facer “máis livián” a situación de confinamento provocada pola pandemia da COVID-19 entra a mocidade, segundo sinalan desde a Concellaría de Deportes.