En 5 claves: por que o discurso da insostibilidade do sistema público de pensións é falso

Este sábado, 28 de xaneiro, Santiago de Compostela acolle unha manifestación nacional convocada pola CIG na defensa do sistema público de pensións e contra a súa privatización. Hai un discurso político e mediático centrado  na “inviabilidade” das pensións. Mais, é certo iso?

Pensionista

A caixa das pensións está baleira, a curto prazo non será posíbel manter o sistema público, é necesario abrirse cara novos modelos privados, a propia evolución da demografía fai inviábel manter o sistema actual, os expertos recomendan unha revisión... A teor das mensaxes e discursos que se fan sobre o sistema público de pensións, e non poucas veces fanse desde as institucións e gobernos que teñen o compromiso de xestionalo e garantilo, crer na viabilidade dun sistema público é cuestión de fe. As pensións públicas xa non serían un dereito mais un privilexio.

Este sábado, ás 12:00 horas, hai en Compostela unha manifestación nacional convocada pola CIG na defensa do sistema público de pensións. Unha mobilización que fai parte dunha campaña que os sindicato nacionalista impulsou hai semanas para defender este dereito e denunciar a aposta do goberno en privatizalo. No marco da mesma, a central nacionalista editou diferente material, como o que ofrece unha serie de argumentos contra o discurso apocalíptico de que é imposíbel manter un sistema público de pensións.

1) Fonte de financiamento. No estado español, as pensións fináncianse unicamente coas cotizacións das nónimas das persoas asalariadas e das empresas. Os orzamentos do estado non xogan aquí ningún papel. Mais das contas xerais si que saen partidas para, por exemplo, a Casa Real, o exército ou a igrexa. E por que non podería haber logo partidas para o sistema público de pensións?

2) Gasto en pensións por baixo da media da UE: O estado español adica ao gasto en pensións apenas o 10,5% do seu Produto interior bruto (PIB). Porcentaxe moi inferior á que dedican outros países, incluso os golpeados pola crise. Así, Portugal e Grecia destinan 13 e 14,3% respectivamente. Francia un 14% e Italia case un 18%. Segundo a CIG, “se o Estado español igualara o gasto en pensións con Italia, habería 57.300 millóns de euros máis por ano. Non existiría déficit e sobrarían 34.000 millóns de euros que se poderían usar para mellorar as pensións e mesmo para gardar outra parte no Fundo de reserva”.

3) O problema está nos ingresos. O sistema público de pensións non está ‘en risco’ polo seu gasto. O problema radica nos ingresos. En 2011 había os mesmos cotizantes á Caixa das pensións que no 2016. Daquela houbo superávit (2.300 millóns de euros) e agora déficit. “As razóns están na precariedade do traballo, con baixos salarios, masivo incremento de contratos por horas en fraude, non pagar as horas traballadas de máis, os salarios en negro...”, denuncia a CIG. Ademais, o descenso dos salarios provocou que se deixasen de ingresar cada ano por volta duns  de 3.000 millóns de euros.

4) Os máis ricos non cotizan. Os salarios máis altos non cotizan á seguridade social a partir dos 3.751 euros mensuais. Máis de 2 millóns deste persoal benefíciase desta norma mentres seguridade Social perde sen estas cotizacións máis de 7.000 millóns ao ano, afirma o sindicato. “Este tope só beneficia aos máis ricos que a partir desta cantidade non pagan á Seguridade Social”. Os executivos das empresas, altos cargos da Administración, grandes bufetes de avogados que traballan para as empresas, etc. O goberno libéraos deste pago para que poidan contratar as súas pensións privadas.

5) As privadas, desgravan. As pensións privadas desgravan e o estado deixa de ingresar máis de 4.700 millóns de euros anuais, segundo os cálculos da CIG.

Os expertos

Boa parte do discurso sobre a inviabilidade do sistema público de pensións emprega como argumentos estudos, opinións e informes procedentes do denominado ‘Comité de expertos’. Creado no ano 2013 polo goberno do PP. Dos 12 membros electos polo Goberno, 9 representan bancos e aseguradoras.

Comentarios