A empresa do presidente da patronal obrigada a suspender pagamentos

Construcións Fontenla S. A. tomou a decisión "pola dificultade para acceder a financiamento". A débeda recoñecida é superior a 40 millóns de euros.
Antonio Fontenla, presidente da CEG.
photo_camera Antonio Fontenla, presidente da CEG.

A actual crise económica e as dificultades para acceder ao financiamento son as razóns que dá Construcións Fontenla S. A., a empresa que dirixe Antonio Fontenla, para acudir ao concurso voluntario de acredores. Especializada en construción, promoción e servizos, a compañía da Coruña realizou grandes obras como a Torre de Cristal, en Matogrande, o edificio institucional da Xunta en Vigo, ou a Biblioteca Intercentros no Campus de Lugo. Fontenla S.A. é unha empresa de accionariado que leva 80 anos no sector. A empresa informou desta decisión a través dun comunicado remitido a axencias no que asegura que "con esta decisión a empresa desexa, sobre todo, protexer os intereses dos seus traballadores, clientes e provedores ante unha situación que imposibilita o cumprimento das súas obrigas dun xeito equilibrado entre todos eles, ao tempo que garante, na medida do posíbel, a superación desta situación no menor tempo posíbel". No mesmo comunicado asegúrase que se tomou esta decisión tras constatar as "dificultades" para "refinanciar a súa débeda" e as "necesidades recorrentes da súa actividade", e pola falta de liquidez que está a "imposibilitar que a empresa continúe desenvolvendo a súa actividade".

Construccións Fontenla S.A. pechou o anterior exercicio, segundo as súas fontes, cunhas perdas superiores aos 1,6 millóns de euros.

Máis de 40 millóns de débeda
A débeda recoñecida por Fontenla é superior a 40 millóns de euros e despois de que os xestores recoñecesen a imposibilidade de facerlle fronte, o xulgado do mercantil designou un administrador concursal que tomará, arestora, as decisións máis importantes. Construcións Fontenla S.A. pechou o anterior exercicio, segundo as súas fontes, cunhas perdas superiores a 1,6 millóns de euros. A propia compañía tentou nos últimos anos salvar a situación con varias ampliacións de capital, unha de 4,4 millóns de euros e outra de máis de medio millón.

Denuncian ERE fraudulento
Empregad@s da empresa xa apuntaron como fraudulento o ERE que se lles propuxo e denunciaron que aínda teñen pendentes as vacacións do ano pasado. Aseguran que as causas das últimas medidas de regulación levadas a cabo por Construccións Fontenla S. A. non son por unha má situación económica posto que obtiveron grandes beneficios en anos anteriores.

Once anos gobernando o empresariado
Antonio Fontenla (A Coruña, 1943) preside a Confederación de Empresarios de Galiza desde 2001. Conseguiu manterse nese posto nas eleccións empresariais  de 2005 e 2009. Hai uns días, aliás, conseguiu ser reelixido como presidente da patronal coruñesa. Ademais é presidente e conselleiro delegado de 'Inversora Obelisco' e 'Urvensa', presidente de 'Bonorsa' e participa no capital e preside outras sociedades dedicadas ás enerxías renovábeis.

Comentarios