Adeus aos billetes de 500 euros

Deixarán de se imprimir en 2018, mais os existentes manterán o seu valor indefinidamente e irán retirándose paulatinamente da circulación.

500 euros diñeiro cartos

O Banco central europeo (BCE) decidiu esta cuarta feira poñer fin definitivamente aos billetes de 500 euros. Entre os argumentos que se deron estes días para avalar esta decisión citábase que os empresarios non os consideraban útiles para as transaccións, que a inmensa maioría da cidadanía nunca vira un (un 56% segundo un inquérito do propio BCE), e que os novos pagamentos electrónicos dos consumidores recomendan ir deixando de lado estes billetes tan grandes. Mais, coa boca pequena, tamén se recoñecía desde hai tempo outro motivo, quizás o principal: o uso deste billete de 500 euros en actividades ilícitas.

O 30% do valor dos euros en circulación é de billetes de 500 euros, un formato que a inmensa maioría da poboación europea non veu nunca. Organismos anti-fraude e corpos especializados levan alertando todos estes anos do acaído deste billete para actividades ilícitas e fraudulentas. Púxose en circulación hai 14 anos e só había 2 de máis valor no mundo: o de 1.000 francos suízos (algo máis de 900 euros), e o de 10.000 dólares de Singapur (máis de 60.000 euros).

Desde o seu nacemento, este billete de 500 euros apareceu como divisa favorita en non poucas operacións policiais contra o narco-tráfico ou crime organizado. Informes policiais aseguraban que boa parte destes billetes estaban en mans de organizacións criminais. No Estado español, e segundo cálculos do sindicato de técnicos de Facenda, Gestha, o 80% do valor dos billetes en circulación corresponde aos de 500 e 200 euros.

A decisión implica que a partir de 2018 deixarán de se imprimir estes billetes, mais os existentes manterán o seu valor e irán retirándose aos poucos da circulación.

Comentarios