Sen un tecido comercial vivo non hai cidades nin vilas vivas. É unha máxima que repiten con teimosía desde entidades e asociacións de comerciantes. Os últimos dados que manexa o sector semellan apontar, seguindo esta máxima, a cidades e vilas con menos ‘vida.’.
Nos últimos catro anos fecharon na Galiza 3.587 tendas ou comercios de proximidade. Son dados de Uatae, a Asociación de Traballadoras e Traballadores Autónomos e Emprendedores, nada en 2003 e que une a máis de 300 entidades deste sector, representando máis de 350.000 profesionais. Eses 3.587 comercios no último cuadrienio supoñen que fechan máis de 2 cada día no noso país. Son, para ser exactos, cinco comercios de barrio menos cada dous días.
As cifras absolutas rexistradas na Galiza son as segundas peores de todo o Estado neste período. Só en Catalunya botaron o feche máis comercios nestes catro anos (7.320). En termos relativos, perdemos 6,7% deses comercios, porcentaxe só superada por Castela-León, Aragón, Euskadi, Asturies.
Os motivos? Desde Uatae apontan factores como a queda de vendas no pequeno comercio fronte ás grandes superficies e corporacións, así como polo aumento constante da venda on-line. “A vida dos barrios e das cidades deteriórase cos locais comerciais fechados”, lamentan.