CIG advirte que o preacordo entre sindicatos estatais e patronal dos centros de chamada afonda na flexibilidade laboral

O sindicato nacionalista afirma que implicará perda de poder adquisitivo para os 8.000 traballadores do sector en Galiza.

CIG centros de chamadas greve

Os sindicatos CCOO e UXT acadaron un preacordo de convenio colectivo coa patronal dos centros de chamada, un sector no que en Galiza traballan por volta de 8.000 persoas. CIG, sindicato maioritario nos ‘call center’ do noso país, rexeita ese preacordo por entender que o mesmo afonda na flexibilidade laboral e implicará unha perda de poder adquisitivo para os traballadores, ente outras cuestións. “Non avanza na estabilidade no emprego e dá un maior poder para as empresa en materias tan sensíbeis como os horarios”, sinala o sindicato nacionalista nun comunicado.

CIG lamenta que se venda como avances dese preacordo medidas como a conversión en indefinidos dos contratos anteriores ao 18 de xuño de 2010. Algo que apenas afecta Galiza pois non hai traballadores nesa situación, indica o sindicato.

Ademais a CIG denuncia que o preacordo permite un 50% de contratos temporais e a utilización de ETT, polo que non se pon freo á temporalidade. O texto prevé a creación de máis quendas, o que para a central sindical implicará maior flexibilidade a favor das empresas. Ademais isto, xunto ao feito de que se habilite ás empresas para cambiar as quendas do 20% do persoal cunha semana de antelación e que os horarios sexa rotativos, dificultará máis a conciliación. Porén si que se considera positiva a redución dos días que se poden traballar sen descanso, que pasan de 11 a 8.

Comentarios