CIG e ELA pedirán nos parlamentos galego e vasco que o Estado ratifique a carta social europea de 1996

Madrid non acepta o protocolo de reclamacións colectivas que permite aos sindicatos e outras organizacións recorrer as disposicións estatais en instancias internacionais.

sindicatos ELA-CIG 001
photo_camera sindicatos ELA-CIG 001

A Carta Social Europea, adoptada en 1961 no seo do Consello de Europa, é un tratado internacional que garante os dereitos sociais e económicos ao traballo, á vivenda, á saúde e á educación, entre outros. O Estado español ratificouna en 1980 e o Protocolo adicional de 1988 en xaneiro de 2000. Porén, lembran os sindicatos CIG (Galiza) e ELA (Euskal Herria), segue sen aceptar o Protocolo de Reclamacións Colectivas de 1995, que non foi nin asinado nin ratificado. Un protocolo que permite aos sindicatos e outras organizacións recorrer as disposicións estatais en instancias internacionais.

O Estado español forma parte do “grupo da vergoña” (nove estados dun total de corenta e tres) que seguen sen ratificar a Carta Social Europea (revisada) e o Protocolo de Reclamacións Colectivas

A isto hai que engadir que a versión da Carta revisada de 1996, embora ser asinada en outubro de 2000, non foi aínda ratificada. Entre os preceptos non ratificados, algúns presentan epígrafes tan significativas como 'dereito á protección fronte ao despedimento', 'dereito á dignidade no traballo', 'dereito a protección fronte á pobreza e exclusión social' ou 'dereito á vivenda'. "O organismo de control da Carta, o Comité Europeo de Dereitos Sociais, ten capacidade para fiscalizar as decisións dos estados membros en materia de dereitos sociais, o que nos abriría, novas posibilidades para combater a actual ofensiva de demolición do dereito do traballo e da protección social, por exemplo, os efectos máis perversos e inxustos das últimas reformas laborais”.

O Estado español forma parte do “grupo da vergoña” (nove estados dun total de corenta e tres) que seguen sen ratificar a Carta Social Europea (revisada) e o Protocolo de Reclamacións Colectivas. CIG e ELA anunciaron que ían promover ante os parlamentos de Galiza e Euskadi que adopten resolucións instando o Parlamento español a que poña fin a esta situación.

Comentarios