O de 2005 resultou na perda de 1.400 postos de traballo

CIG pide que o novo plano estratéxico de Navantia se negocie cos comités de empresa

As seccións sindicais da CIG en Navantia Fene-Ferrol demandan a eliminación das subcontratas e o aumento do cadro de persoal.

Navantia
photo_camera Os esteleiros na ría ferrolá

A central nacionalista non quer que se repita a historia do Plano Estratéxico de 2005, asinado pola empresa con CC OO, UXT e USTG, un programa de actuacións cuxa implementación resultou na perda de 1.500 postos de traballo.

O plano de 2005 substituíu postos de traballo de calidade, a meio de prexubilacións, por empregos "na industria auxiliar cunha alta temporalidade e precariedade", denuncia a CIG. Nunca se conseguiron materializar os seus supostos obxectivos principais, que non eran outros máis que garantir a "viabilidade da empresa através dos seus resultados económicos", algo que non se logrou pois o balanzo de xestión foi "desastroso".

Para a CIG, un Plano Estratéxico digno de tal nome debería alicerzarse sobre os seguintes pontos:

  • Eliminación da subcontratación e aumento da contratación directa, isto é, do cadro de persoal da empresa.
  • Estabelecimento dun plano de xubilacións antecipadas "mantido no tempo que permita, xunto coa incorporación de novos mozos e mozas, un relevo xeracional vital para manter a transferencia de coñecimento".
  • A corrección dun "sistema organizativo que se implantou de forma unilateral por parte da dirección e que está a ser un fracaso".
  • A potenciación das actividades de Reparacións e Fabricacións "dotándoas de máis infraestruturas e incorporándoas a novos nichos de mercado".

O Plano, enfatiza a CIG, debería ser negociado cos comités de empresa e posteriormente referendado polas traballadoras e traballadores.

En todo caso, as seccións sindicais da CIG teñen claro que a intención da SEPI "vai en sentido contrario" a estas propostas. "Van no sentido de facer menos empresa e no sentido de eliminar postos de traballo", din. A consecuencia é que a central se prepara para un cenario de mobilizacións, necesarias, entende, "para que unha comarca como a nosa non volte a sofrer outro grave axuste" laboral.

Comentarios