O Concello de Bueu aposta na economía ecolóxica para crear emprego local

O rexedor, Félix Juncal (BNG), presentou esta quinta feira o informe Opcións económicas para o emprego local canda a Universidade de Vigo, institución encargada de analizar a situación socioeconómica do municipio e de trazar as liñas estratéxicas polas cales camiñar.

bueu
photo_camera CC SA-NC-BY Sermos Galiza


A economía ecolóxica como catapulta para o emprego local. É a aposta do Concello de Bueu materializada nun informe realizado pola Universidade de Vigo que se presentou esta quinta feira.

Baixo o título Opcións económicas para o emprego local, o alcalde, Félix Juncal (BNG) e o responsábel do grupo de Economía Ecolóxica da U-Vigo, Xavier Simón, achegaron en rolda de imprensa as liñas estratéxicas polas cales camiñar tomando en consideración os elementos ao redor dos cales debe pivotar o desenvolvemento económico municipal: os recursos propios do territorio, a recuperación de oficios tradicionais con novas aplicacións e o valor estratéxico da localidade da Illa de Ons. 

Namentres Juncal colocou riba da mesa o seu compromiso en que as achegas da U-Vigo serán efectivamente implementadas, non ficando só en meras propostas, Simón adiantou que a focaxe está colocada na mobilización dos recursos e do capital humano bueuense. 

O devandito informe foi encargado polo propio concello en setembro de 2013, cando Juncal e Simón asinaron un contrato por importe de 21.000 euros. Malia que o tempo sinalado para a elaboración do documento era dun ano, o rexedor bueuense recibiu xa o borrador.

Comentarios