A creación de empresas sobe 20,9% na Galiza, case sete puntos por baixo da media estatal

En 2021 creáronse 3.882 novas sociedades no país, mais disolvéronse outras 1.608, cun incremento de 22,2% a respecto do ano anterior que supera a media do Estado.
Unha muller traballa co seu ordenador nunha oficina (Foto: Ricardo Rubio/Europa Press).
photo_camera En 2021 creáronse no país 3.882 sociedades (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).

A Galiza rexistrou a creación de 3.882 empresas en 2021, o que se supón un incremento de 20,9% en comparanza co exercicio anterior, segundo datos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Esta repunta, porén, é menor que o avance medio de 27,7% que se produce no conxunto do Estado español. Nun ano de subas xeralizadas, sobresaen Nafarroa (+38,5%), Cantabria (+35,6%), Balears (+34,9%), Madrid (+31,9%) e Castela-A Mancha (+31,7%).

No extremo oposto, os aumentos máis moderados corresponderon a Estremadura (+16,8%), Murcia (+19,6%), Euskadi (+20,5%) e a Galiza (+20,9%).

O total de 3.882 supera tamén as 3.797 compañías que se constituíron no país en 2019, mais fica por baixo da cifra de 2018 (4.063).

As empresas galegas creadas en 2021 contan cun capital subscrito de 206 millóns de euros —un capital medio de 53.100 euros cada unha—. Só se constituíron quince sociedades anónimas (SA), mentres as restantes 3.867 empresas foron de responsabilidade limitada (SL).

Sociedades disoltas

Pola súa parte, as disolucións foron 1.608 ao longo do ano, o que supón un aumento de 22,2%, máis que a media española. Entre elas, 1.312 disolvéronse de forma voluntaria, mentres en 96 casos debeuse a unha fusión e os 200 restantes enmárcanse en motivos doutro tipo.

Paralelamente, 1.198 compañías ampliaron capital por case 512 millóns. Ademais, 304 reduciron capital —por 453,9 millóns—. Finalmente, sete desembolsaron dividendos pasivos por 1,2 millóns.

Comentarios