LABORAL

Medra o apoio popular @s folguistas de Nostián, que intensifican a súa mobilización

O reparto de follas informativas pola Coruña está a constatar un gran respaldo da poboación ás súas reivindicacións, polas que se convocou unha folga de todo o sector do lixo o día 26.

lixo
photo_camera lixo

En pleno centro da cidade, xunto ao Obelisco e nunha zona que non é precisamente obreira, un posto do persoal de Albada na planta de residuos de Nostián reparte panfletos explicando as razóns da súa folga e recolle sinaturas en apoio das súas reivindicacións. E a resposta de case tod@s @s interpelad@s é moi positiva. Mesmo as enquisas a pé de rúa das radios locais obteñen idéntica resposta. Crece o respaldo popular a unha folga que vai pola terceira semana mentres empresa e concello manteñen firme a súa decisión de non ceder nos recortes de emprego e soldo, por unha banda, e de non mediar nin esixir melloras no servizo, pola outra.

A denuncia de que ás e aos coruñeses se lles cobra un imposto por unha reciclaxe que Albada non realiza é unha das chaves principais dos apoios que recibe o persoal, que segundo anunciou o seu Comité de Empresa pensa intensificar as súas mobilizacións nestes días antes da folga anunciada por todo o sector do lixo da Coruña e comarca para o día 26 de agosto, en solidariedade con Nostián pero tamén en contra da reforma laboral do PP, que pode intensificar a precariedade no sector. Non haberá recollida de lixo nesa xornada pero moi posibelmente tampouco en datas anteriores, ante a negativa da empresa a moderar as posicións na mesa negociadora, agora parada.

Comentarios