A economía galega segue a medrar por baixo da española

O diferencial interanual é de 6 décimas.

traballo factoría obreiro CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Gobierno VascoMikel Arrazola
photo_camera CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Mikel Arrazola

A economía galega e a española seguen a evolucionar de maneira desacompasada en canto ao seu medre. Os dados publicados esta cuarta feira polo INE e polo IGE demostran que a galega segue a medrar por baixo da española. Así, o PIB de Galiza medrou no primeiro trimestre un 0,7%, unha décima menos que o conxunto do Estado. Mais a diferenza máis grande dase no tramo interanual, o que compara este primeiro trimestre de 2016 co mesmo período do exercicio pasado, o 2015. A fenda aí é de 6 décimas, pois o PIB galego medrou nesta etapa un 2,8 polo 3,4% de aumento do produto interior bruto español.

Informes advirten de problemas

A economía galega seguirá dous anos máis como a que menos medra de todo o Estado. Un informe do BBVA aponta que o produto interior bruto aumentará de media un 2,7% no conxunto estatal mentres que Galiza só un 2,2%, o ritmo máis baixo. Non é o primeiro estudo que aponta este escenario. En marzo deste ano O Foro Económico Galego apontaba que a economía galega medrará en 2016 un 2,5%, novamente por baixo da media española, que se prevé que neste ano sexa de por volta do 3%. E Hispalink, un instituto de estudos formado por equipas de investigación de 16 universidades españolas -entre elas, a da Coruña e Compostela-, vaticinaba en xaneiro que a economía galega vai ser en 2016 e 2017 a que menos medre de todo o Estado español 

Comentarios