Galiza apenas capta o 0,7% do investimento estranxeiro que chega ao Estado

Segue sendo un dos territorios con 'menos atractivo' para o capital foráneo.

Estaleiro, naval
photo_camera O naval, o sector que máis capital estranxeiro atrae a Galiza.

Galiza recibiu no primeiro trimestre de ano 20 millóns de euros procedentes de investimento estranxeiro, unha cifra que embora supor un importante incremento a respecto do mesmo período de 2015 (daquela recibira 5,3 millóns), é insignificante en relación ao total que se move no Estado. Entre xaneiro e marzo houbo perto de 3.000 millóns de euros que chegaron ao Estado de capital foráneo. Que Galiza recibira apenas 20 millóns indica que do pastel só nos tocou un máis que discreto 0,7%. Porcentaxe moi por baixo do peso galego a respeito do Estado en canto a poboación ou acheda do PIB, por citar dous indicadores.

En 2015 Galiza captou 85,3 millóns de euros, un 0,4 por cento do total que chegou ao Estado español (0,4%). Madrid e Catalunya seguen a ser os territorios que máis investimento captan (46,5% e 22% respectivamente). Setenta de cada 100 euros que desembarcaron en Galiza nese exercicio foron con destino ao naval galego (58 millóns de euros). Unha inxección procedente de China, Singapur e as Illas Virxes británicas.

Interese

Que máis de Galiza suscitou interese do estranxeiro, alén do naval? As enxeñeirías, con máis de 13,5 millóns de euros procedenets de Italia para a industria de instalacións eléctricas. Ou os máis de 3 millóns de euros de capital estranxeiro que chegaron ao noso país para o investimento en actividades inmobilarias.

No 2015 saíu de Galiza capital para adquirir bens no estranxeiro por máis de mil millóns de euros. Así pois, a fenda entre o capoital galego que sae para investir no estranxeiro e o foráneo que chega ao noso país é de máis de 900 millóns de euros. 

Comentarios