Jorquera advirte que a nova reestructuración bancaria aboca NGB “a ser subastada de saldo”

O candidato á presidencia da Xunta de Galiza do BNG, Francisco Jorquera, realizou estas declaracións antes de dar leitura ao manifesto do XII Día Internacional da Fibromialxia nun acto organizado pola Asociación Galega de Fibromialxia (Agafi)

 

O candidato á presidencia da Xunta de Galiza do BNG, Francisco Jorquera, afirmou no concello de Teo que “o novo decreto do PP aboca Novagaliciabanco a ser subastada a prezo de saldo”. A única alternativa a esta situación é que se aposte na súa conversión en banco público galego, como defende o BNG contra o criterio do Goberno do Estado e do goberno galego.

Jorquera avanzou que no último pleno do mes de maio no Congresos dos deputados será debatida unha Proposición de Lei, da autoría do BNG, visando a modificación dos decretos en materia de reestruturación bancaria, co propósito de que aqueles bancos que reciben inxeccións de recursos públicos se convertan en bancos públicos. A iniciativa persegue especificamente que Novagaliciabanco pase a ser un banco de titularidade pública coa Xunta de Galiza como accionista maioritario.

“Os fondos públicos non deben ser utilizados para socializar as perdas. No caso galego, a única forma de preservar un instrumento imprescindíbel para financiar a economía produtiva do País é que Novagaliciabanco pase a ser un banco público”, defendeu Jorquera.

Neste sentido, retou aos deputados e deputadas galegos do PP e do PSOE a votaren favorabelmente por “un banco esencial para a nosa economía” coa tutela dos fondos públicos que reverta en Galiza, ou polo contrario, apostar para que Novacaixagalicia quede en mans dun fondo investidor norteamericano ou sexa adquirida “a prezo de saldo” pola grande banca española, “por pór un exemplo, polo Banco de Santander”.

Comentarios