Masivo seguimento en Galiza da greve nos centros de chamadas

Parou un 85% dos operarios do sector en Vigo e un 99% na Coruña, onde sobre Extel pende un ERE con 205 despedimentos. “Traballadoras, non escravas”, unha das consignas da xornada.

Greve centos chamada

Os traballadores do sector dos centros de chamada volveron secundar maioritariamente unha greve na que exixen a fin do bloqueo do convenio colectivo, para alén de denunciar os baixos salarios e a precariedade. Laura Pérez, da CIG, afirma que o paro foi seguido polo 85% dos operarios de Vigo e que en Coruña, onde Extel sofre un ERE que implica o despedimento de 205 empregados, foi case total: un 99%. “É unha resposta moi positiva, masiva”, manifesta en conversa con Sermos Galiza. Vigo e A Coruña concentran a inmensa maioría dos perto de 8.000 traballadores do telemarketing en Galiza.

Pérez destaca que con esta xornada de protestos volve demostrarse que os traballadores non van recuar perante a aposta da patronal por rebaixar salarios e dereitos laborais. “Tenlles que ficar claro que a asistencia mantense e mesmo increméntase”, aponta. Destaca tamén que se ben até o de agora era Galiza en solitario quen turraba dos protestos, “por fin os sindicatos estatais aceptan mobilizarse e se fai a nivel de Estado, o que dá máis forza”.

Os paros e esta greve denuncian o bloqueo do convenio colectivo e as tentativas patronais de “rebaixar salarios para deixalos no ridículo e precarizar as nosas condicións laborais”, afirma a delegada da CIG no sector. “Agardemos que coa resposta tan masiva desta quinta feira, tomen nota e acepten negociar”, engade. 

Comentarios