Brexit

Mil millóns de euros (destino Galiza) pendentes do referendo británico

Reino Unido é o cuarto destino exportador de Galiza, un mercado ao que van o 5,8% das nosas vendas ao exterior, un valor de 1.097 millóns de euros. A balanza comercial cos británicos é positiva para Galiza en máis de 500 millóns.

Porto de Vigo

Máis de 64 millóns de persoas están chamadas a decidir o vindeiro 23 de xuño se Reino Unido fica ou marcha. Se se mantén dentro da Unión Europea, estrutura da que fai parte desde mediados dos 70, ou ben se opta por se dar de baixa do club comunitario. As enquisas apontan a unha vitoria desta segunda opción, embora haxa unha importante bolsa de indecisos e un voto oculto que pode inclinar finalmente a balanza cara os partidarios de seguir na UE. Mais de non ser así e escoller os británicos abandonar a UE, unha das primeiras consecuencias sería a reaparición das taxas arancelarias, coas consecuencias inmediatas no comercio exterior

E falar de comercio exterior con Gran Bretaña é algo que tamén afecta a Galiza. O Reino Unido é para o noso país o seu cuarto destino exportador. En 2015 vendemos aos británicos bens por un valor superior aos mil millóns de euros, é un mercado que recibe o 5,8% das nosas exportacións. Só Francia, Portugal e Italia teñen maior peso no noso comercio exterior. Ademáis, o británico é un mercado en aumento para Galiza. En 2015 as nosas exportacións ao Reino Unido incrementaron nun 29,8 por cento, en 2014 foran de 845 millóns de euros.

Textil e automoción

O ano pasado exportamos a Reino Unido bens por valor de 1.097 millóns de euros, volvendo superar a barreira dos mil millóns, algo que non acontecía desde o 2003. E as nosas importacións dos británicos foron de 473 millóns de euros. Temos, logo, unha balanza comercial positivo con Reino Unido de máis de 500 millóns.

E que exportamos a Gran Bretaña? Pois non poucos bens, mais os textís e as súas manufacturas supoñen case o 40% do total das nosas exportacións a ese mercado: vendas por valor de case 400 millóns de euros. A continuación figura o material de transporte (automóbiles), con 167 millóns de euros. Os metais comúns e as súas manufacturas (85 millóns de euros) e os produtos da industria alimentar e bebidas (case 63 millóns de euros) conforman outras das categorías que vendemos a Reino Unido. Os produtos das industrias químicas, con 50 millóns de euros, son outro dos grupos con peso; así como o que abrangue o calzado, con perto de 49 millóns.

Comentarios