Novas concentracións nas cidades galegas contra as políticas antisociais do PP

As mobilizacións conxuntas de CIG, CCOO e UGT, coinciden cun  Consello de ministr@s en que o PP afía máis un paquete de medidas en prexuízo da maioría social

O goberno de Mariano Rajoy volveu de vacacións e reinicia os Consellos de ministr@s onde, sexta tras sexta, se aproban paquetes de recortes e de medidas que inciden en máis agresións sociais e laborais, abren as portas a novas privatizacións ou afondan no desmantelamento e deterioro dos servizos públicos. Para evidenciaren na rúa o rexeitamento a esas políticas antisociais do PP, os sindicatos CIG, CCOO e UXT, realizaron concentracións conxuntas en seis cidades da Galiza.

Tras as faixas en que se rexeitaba, máis unha vez, "o saqueo do pobo", as e os concentrad@s denunciaban que a crise está a ser aproveitada polo goberno español para desenvolveren un programa de medidas e actuacións que supoñen un ataque ás conquistas sociais e laborais atinxidas nestas décadas. Lemas como "non faltan cartos, sobran ladróns" ou "a crise social que a pague o capital", foron coreados nas concentracións, nalgunhas como a de Compostela, cortouse o tráfico en partes da Praza da Galiza durante unha media hora

Folga xeral

A necesidade dunha folga xeral para responder de forma contundente as políticas do Partido Popular ou a defensa dunha banca pública foron outras das demandas expresadas polas e polos concentrad@s.

Representantes da CIG sinalaron que "aos sucesivos paquetes de medidas impostos polo PP a golpe de decreto, que até o de agora só teñen provocado máis recesión, máis paro e máis empobrecemento, engadiranse novos recortes xa anunciados para a súa aprobación neste primeiro Consello de ministr@s despois do período vacacional, nomeadamente o endurecemento das condicións para acceder á axuda de 400 €." Medidas que terán aínda consecuencias máis graves para a clase traballadora de se desenvolveren, como está previsto, a solicitude de rescate ao estado a mediados de setembro ou a de atender ás recentes recomendacións do BCE de seguir rebaixando os salarios para aumentar a produtividade.

Comentarios