O medio rural galego ergue a voz en Bruxelas

Unha delegación de trinta persoas reúnese no Parlamento europeo con representantes da Comisión para lles trasladar as súas propostas e intereses fronte á reforma da Política Agraria Común para 2014-2020. Gandeir@s, agricultor@s, representantes do sector vitivinícola e académic@s, participan durante dous días nun seminario organizado pola eurodeputada nacionalista, Ana Miranda.
UE

Dous días de debate e confrontación de ideas fronte a unha reforma histórica que afectará de maneira significativa ao medio rural galego. Arredor dunha trintena de representantes galeg@s pertencentes ao sector lácteo, vitivinícola e gandeiro toman parte do seminario: "Análise do impacto da reforma da PAC en Galiza" perante a mudanza das políticas agrarias europeas de cara ao vindeiro período 2014-2020.

Neste sentido, e por vez primeira na historia dos cincuenta anos da PAC, o Parlamento europeo posúe capacidade de co-decisión na lexislación agraria --conxuntamente co Consello-- polo que a eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Miranda, vén de organizar estas xornadas á fin de elevar a "posición galega de maneira directa" ás institucións comunitarias pois, segundo asegurou en conferencia de imprensa, "as propostas son decisivas" neste momento en que se está a desenvolver o debate sobre os borradores presentados pola Comisión.

Entre a delegación chegada a Bruxelas atópanse importantes académic@s especializad@s no sector --ademais de produtor@s, cooperativistas e sindicalistas agrari@s. Nomes como Edelmiro López Iglesias, profesor de Economía Aplicada da USC e director xeral de Desenvolvemento Rural no goberno bipartido; Antonio Oca Fernández, enxeñeiro técnico agrícola e director xeral de Produción, Industrias e Calidade Alimentar entre 2005 e 2009 ou Ermitas Rodríguez Gómez, gandeira e membra da Asociación de creadoras de ovino e caprino de Galiza-Óvica, foron algúns dos nomes que expuxeron as principais preocupacións do sector agrario galego fronte as consecuencias que a reforma da PAC deixará a Galiza.

 Unha nova PAC para 2014

"Traballamos na defensa da pequena agricultura vencellada ao territorio", aseveraba Michel Dupont --asesor do comisario europeo José Boné en materia agraria-- nun exercicio de síntese a respecto do modelo agrario defendido polo grupo dos Verdes, entre os que se atopa tamén o BNG. Dupont, que salientaba o seu carácter de agricultor durante a súa intervención, debullaba a delegación galega cal é o punto en que se atopan as negociacións cara á nova PAC. Neste sentido, Dupont salientou que o debate se caracteriza por unha forte confrontación entre dous modelos distintos: as demandas procedentes desde o sector cara a unha maior intervención pública e a Comisión europea, que procura introducir modelos liberalizadores en moitos dos sectores da PAC.

Neste sentido, a delegación galega trasladou a diversos representantes da Comisión europea as súas inquedanzas e propostas perante a nova PAC, nomeadamente no referido ás liñas que guiarán esas outras políticas a partir de 2014 e nas cuestións referidas aos sectores máis febles fronte ás reformas no entanto, tamén máis importantes para a economía galega, como o lácteo.

Así as cousas, a realidade agraria galega atópase nunha situación complexa no proceso de negocación debido ás súas características particulares e a falta dunha capacidade de presión tal que permita a incorporación nas novas medidas das necesidades concretas que afectan ao agro galego. "Galiza afronta a reforma da PAC", aseguraba Edelmiro López Iglesias, fronte á cinco problemáticas concretas, "o problema demográfico, o problema da terra, o problema de produtividade e de renda dos produtores, o problema agroindustrial e dos mercados dunha Galiza deficitaria na balanza agraria". Neste sentido, a delegación transmitiu ao director xeral, Ricard Ramon i Sumoy, "os principios" que ao seu entender deben "rexer as novas políticas agrarias" e que pasan por unha definición concreta do "agricultor activo" entendido como aquelas persoas físicas ou xurídicas dedicadas de maneira real á actividade agraria, garantir o relevo xeracional que permita a fixación de poboación no medio rural, a través do mantemento e mellora das axudas directas, e a diversificación das actividades agrarias nas áreas rurais dirixidas a un outro modelo agrario máis sustentábel. Cuestións, que segundo o director xeral xa están "recollidas nos informes elaborados pola Comisión", mais que a delegación galega non viu reflectidas de acordo cos intereses do agro de Galiza.

A crise do sector lácteo no Parlamento europeo

Após as masivas mobilizacións protagonizadas pol@s produtor@s de leite en Galiza, mais tamén en Bruxelas, foi o sector lácteo o de maior protagonismo na primeira xornada de debate debido en gran medida aos baixos prezos en orixe e á supresión das cotas lácteas prevista para 2015. Neste sentido, o representante da Comisión asegurou á delegación galega que malia “ser un discurso repetido” o prezo do “leite en España é superior ao doutros Estados membros como Bruxelas ou Portugal”, algo que axiña foi retrucado polo académico, Antonio Oca ao lle asegurar “certo é que o leite español é de media máis caro” porén aclarou, “o galego págase de media a 0’287 céntimos” perto de dez céntimos menos fronte ao valor adquirido polo produto na UE.

A realidade do sector lácteo galego, verase “gravemente” prexudicada coa nova PAC polo que @s representantes do sector defenderon nas sucesivas xuntanzas desenvolvidas con representantes da Comisión, a necesidade de se manteren “mecanismos regulatorios” que impidan a liberalización do sector e que melloren a situación das persoas produtoras na cadea alimentaria, pulando por “sistemas de produción de leite ligados á terra”. Aliás, salientaron a necesidade de que a UE cree un Fondo lácteo que compense o investimento desenvolvido por numerosas explotacións na adquisición dunha cota que a partir do 2015 carecerá de valor. A deputada do BNG no Parlamento galego, Tereixa Paz, aseguraba durante a sesión que por vez primeira membros da Comisión afirmaran con rotundidade e clareza que a UE non compensará as débedas adquiridas coa compra da cota e que tampouco excluirá das axudas comunitarias as producións transxénicas, unha outra demanda das produtoras e produtores galeg@s.

A inacción da Xunta de Galiza

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, asegurou en declaracións aos medios de comunicación, que malia a inacción da Xunta de Galiza que “non enviou as súas propostas sobre a PAC” cando si o fixeron, dixo, “Andalucía, Extremadura ou Asturies”, “nós si sabemos para que está o noso escano” e salientou que o seminario desenvolvido durante os días 6 e 7, mais tamén as xuntanzas con afectad@s polas preferentes e membros da frota cefalopodeira en Mauritania, teñen por obxecto cumpriren coa tarefa d@s representantes nas institucións comunitarias, Miranda aseguru que“nós estamos ao servizo da cidadanía e dos sectores produtivos para que poidan defender os seus intereses”.

Comentarios