As contradicións entre o que a Xunta di e o que fai co sector lácteo

A Federación Rural Galega denuncia as incoherencias da Consellaría de Medio Rural. Reafírmase no seu apoio ao sector mentres ten paralizada a Mesa do Leite e do Observatorio do Sector Lácteo.
photo_camera Rosa Quintana e o secretario xeral de Medio Rural (primeiro pola dereita)

Entre o dito e o feito hai un treito non pequeno. E iso é o que denuncia a Federación Rural Galega (FRUGA) sobre o proclamado apoio da  Consellaría do Medio Rural ao sector lácteo galego. A semana pasada parte dos axentes do sector reuníronse coa conselleira, Rosa Quintana, co obxectivo de facer unha posta en común. Fronte a esta escenificación de diálogo, a FRUGA denuncia a paralización da Mesa do Leite, do Observatorio do Sector Lácteo e da comisión de seguimento dos contratos homologados. Só coa reactivación destas ferramentas, sinala, se conseguiría chegar a acordos en materia de oscilacións dos prezos, transparencia nas facturas e garantía de rendas dignas para as e os gandeiros.

Mais non son estas as únicas incoherencias nas que incorre a administración. Dende a Federación subliñan ás contradicións do propio Núñez Feijóo cando, por unha parte declara avogar polo incremento da base territorial das explotacións e por outra ten conxelado o Banco de Terras e potencia a forestación de terras agrícolas no proxecto da nova Lei de Montes que está a ser debatida no Parlamento galego a instancias do PP.

A participación da Xunta na empresa Alimentos Lácteos, que oferta leite á distribución por baixo dos prezos do mercado, é posto pola FRUGA como exemplo do desinterese da Xunta polo sector lácteo. A Federación demanda que a Xunta "deixe de facer propaganda e que traballe para finalmente constituír o que o sector lácteo precisa: unha interprofesional láctea galega".

"A esta Xunta de Galiza non lle queda ningunha credibilidade cando di que vai facer propias as reivindicacións do sector", afirman dende a FRUGA. A Federación apunta ao fracaso da reunión da pasada semana co sector dado o anuncio hai uns días de novas baixadas de prezos por parte da industria.

Comentarios