O paro de longa duración e a ausencia de cobertura asáñase na mocidade

Uns 34.500 mozos galegos levan máis de doce meses inscritos como buscadores de emprego. Son máis que todos os habitantes do décimo concello galego máis poboado, Oleiros. Sete de cada dez deses mozos non teñen ningún tipo de cobertura por desemprego.

Mocidade
photo_camera Mocidade

Peores empregos, peores condicións, peores salarios. As persoas mozas teñen en Galiza un panorama laboral difícil. Desemprego, temporalidade, precariedade e parcialidade son algunhas das súas marcas. A situación empeorou desde a última reforma laboral, que levou a que en Galiza o paro entre as persoas de menos de 35 anos aumentase en dous puntos, pasando de ser o 24,6% (2011) a 26,6% (segundo trimestre 2016). Unha taxa de desemprego que é 9 puntos superior ao que se rexistra no resto de idades e que de media está no 17,7%.

O número de persoas mozas que son xa parados de longa duración equivale aos habitantes do décimo concello galego máis poboado, Oleiros, con 34.500 habitantes

A situación é para preocuparse: o 67,5% das persoas menores de 30 anos que están rexistradas no paro non teñen ningún tipo de cobertura por desemprego. Estamos a falar de case sete de cada dez mozos no paro. Ademais, o 40,5% das persoas mozas no paro levan anotadas máis de doce meses, sendo parados de longa duración. Unha cifra que aumentou nestes anos até ser en 2016 de 34.500 persoas mozas. O equivalente a todos os habitantes da décima localidade galega con máis habitantes (Oleiros).

Contratación

Nesta liña, outro dato para a preocupación é que hai agora un 26% menos de poboación activa menor de 35 anos que no 2011. Unha considerábel caída que reflicte o brutal impacto da emigración xuvenil no noso país e as súas consecuencias non só demográficas máis tamén as que ten sobre a economía galega.

En canto a salarios, un mozo galego cobra un 18% menos, de media, que o salario que perceben noutros tramos de idade. Un diferencial negativo que tamén existe se botamos un ollo aos contratos. En 2011 o 7,5% dos menores de 25 anos tiñan un con trato indefinido, unha porcentaxe que agora é do 5,8% (no conxunto das idades supera o 8%). E a situación mantense se vemos a taxa de temporalidade: o 46,8% dos mozos e mozas galegas ten un emprego temporal, mentres que no total de idades esa porcentaxe é do 25,8% (que xa é de por si dos máis altos de Europa).

Comentarios