A pobreza enerxética en Europa afecta xa a máis de 60 millóns de persoas

O Comité económico e social europeo (Cese) advirte que o número de europe@s que non poden pagar a luz subiu en 10 millóns nos últimos sete meses. Desde 2004 a factura da luz incrementouse nun 65%. No estado español hai 1.200.000 familias sen enerxía.

O Comité económico e social europeo (Cese) puxo cifra á pobreza enerxética en Europa: 60 millóns de persoas non pode pagar o recibo da luz, 10 millóns máis que hai sete meses. Unha situación de tal gravidade que o Cese elevou ao Parlamento europeo un ditame de iniciativa para que se adopten actuacións coordinadas para combater esa situación.

A factura da luz aumentou nestes 10 anos nun 65%, “o que ocasionou que moitas familias non teñan os recursos necesarios para poder pagar esas facturas”. Os membros do Comité inciden en que a enerxía é un dereito esencial. “A enerxía, a calefacción, deebe de ter a consideración dun dereito, como a auga, pois é igual de importante”.

O Cese recoñece que hai unha “necesidade” de sensibilizar aos propios poderes públicos sobre esta realidade de pobreza.

Facturas indescifrables

No que atinxe ao Estado español, o segundo de Europa coa luz máis cara para o consumidor, hai 1.200.000 familias que non teñen acceso á enerxía. Esa é a cifra que na presentación do informe do Cese en Madrid deu a eurodeputada socialista María Irigoyen. A enerxía é un "dereito social básico" ao que esas familias non teñen acceso por mor dos altos prezos das compañías e a falta de ingresos.

Comentarios