Galiza perde 120 millóns de euros

Podemos, Esquerra e o PDeCAT tomban os obxectivos de déficit do Goberno

O Executivo de Pedro Sánchez non poderá sacar adiante os seus obxectivos de déficit, o coñecido como teito de gasto. A abstención anunciada por Unidos Podemos e Esquerra Republicana de Catalunya —que apoiaron a súa investidura— imposibilitarán a súa aprobación en primeira votación.
 

Congreso deputados español
photo_camera Imaxe do Congreso dos Deputados.

O Goberno do PSOE pactara en Bruxelas uns obxectivos de déficit “máis flexíbeis” que os do PP. En concreto, 1,8 do PIB en 2019, 1,1 en 2020 e 0,4% en 2021. De non se aprobaren, como semella que vai acontecer, entrarán en vigor os de Raxoi, máis restritivos: 1,3%, 0,5% e 0,1%. Así, as comunidades autónomas e a Seguridade Social —que recollerían a maior parte da nova marxe de déficit— contarán con 6.000 millóns de euros menos en 2019.

Coa proposta do Goberno Sánchez, a administración galega podería ter disposto de 120 millóns de euros máis a gastar en 2019 (o déficit das comunidades autónomas tería pasado de 0,1 a 0,3 por cento). Ese diñeiro volatilízase agora ao non achar o executivo suficientes apoios na cámara.

Os parlamentarios socialistas só acadaron o respaldo do PNV. Ademais de Unidos Podemos e Esquerra, tamén anunciaron a súa abstención o PDeCAT ou Compromís.

Unidos Podemos consideran que o teito de gasto —incluído dentro da chamada “senda de estabilidade orzamentaria”, que se vota no Congreso canda os obxectivos de déficit— responde a un deseño “pensado para conseguir o voto do PP”. Este sitúabase nos 125.064 millóns de euros, 4,4% máis ca o de 2018. A dereita, tanto o PP como Ciudadanos, xa comunicou o seu voto en contra.

Para a formación encabezada por Pablo Iglesias, o Goberno de Sánchez debía en primeiro lugar reformar a lei de estabilidade orzamentaria, derrogar os chamados “decretos de racionalización do gasto” ou retirar a regra de gastos que afoga os concellos”.

O PDeCAT, pola súa banda, alegou ausencia de negociación, o que os levou a se sumar á abstención.  

Comentarios