O salario medio ordinario bruto nos 27 Estados da Unión Europea foi en 2022, de media, de 2.302 euros mensuais. A remuneración media galega (1.672 euros) resulta 25,3% máis baixa: en termos absolutos, a diferenza é de 630 euros mensuais (7.556 euros por ano), segundo o IX Monitor Adecco sobre Salarios (III).
Dentro do contexto europeo, a situación do salario galego encóntrase por baixo da remuneración media do Estado español.
O informe destaca que o país galego está nunha situación “intermedia”, pois hai 15 Estados europeos cuxos salarios medias son inferiores ao da Galiza, mentres que outros 12 países teñen remuneracións maiores.
Galiza - Alemaña
Por exemplo, a fenda salarial entre Galiza e Alemaña alcanzou en 2022 os 1.476 euros mensuais (17.706 euros ao ano), o que implica que a remuneración galega foi un 46,9% máis baixa que a xermana.
Esta diferenza significa, por exemplo, que un asalariado medio galego necesita traballar 23 meses para ter un ingreso similar ao que ten un asalariado medio alemán nun ano.
O caso contrario xorde da comparación con Bulgaria. O salario medio galego é 2,6 veces maior (1.672 e 650 euros/mes, respectivamente), cunha diferenza mensual de 1.022 euros (12.269 euros/ano).
Isto significa que un asalariado medio na Galiza gaña en menos de cinco meses, o mesmo que un asalariado medio de Bulgaria en todo un ano. É dicir, que un traballador de Bulgaria tardaría case 31 meses en gañar o mesmo que un asalariado medio na Galiza nun ano.