Os salarios brutos anuais na Galiza son 2.700 euros inferiores á media estatal

A Galiza é a segunda autonomía coa maior caída na sinatura de hipotecas.
Traballador nunha carnicería (Foto: Lightfield Studios).
photo_camera Traballador nunha carnicería. (Foto: Nós Diario)

O salario bruto anual que percibiron de media os traballadores e as traballadoras da Galiza en 2022 resultou 2.700 euros menor que o do Estado español. As retribucións brutas subiron o pasado ano na Galiza, pasando de 21.856,41 euros anuais a 22.655,99 euros ao ano (case 800 euros anuais máis) en 2022.

Esta suba salarial foi de 3.6%, até un punto porcentual por baixo do aumento de 4,6% experimentado no conxunto do Estado. A nivel estatal, os soldos brutos anuais alcanzaron 25.353,22 euros en 2022 (1.104,44 euros máis ao ano que os 24.248,78 euros anuais de media que se percibían no ano 2021), segundo os resultados da Enquisa Anual de Custo Laboral (EACL), publicada esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

A media salarial bruta máis alta no país deuse no sector da industria, de 26.065,77 euros anuais. Séguea a construción, con 24.351,19 euros ao ano. Na última posición, os traballadores e as traballadoras do sector servizos percibiron de media un soldo bruto de 21.715,22 euros.

Por outra parte, 71,4% dos centros de traballo, que empregaban 47% dos asalariados e asalariadas da Galiza, tiñan un convenio inferior ao estatal. Ademais, 5,4% das compañías tiña convenio de empresa propio, as cales daban traballo a 18,2% dos traballadores e traballadoras galegas. Ademais, 4,7% dos centros e 13,4% do persoal rexíase con outra forma de regulación. Adicionalmente, 18,5% das empresas estaba acollida a convenios colectivos estatais, as cales empregaban 21,4% da masa traballadora da Galiza.

Préstamos para vivenda

A Galiza situouse como a segunda autonomía do Estado español onde máis caeu a sinatura de hipotecas sobre vivenda en maio, baixando 36% respecto ao mesmo mes de 2022, segundo datos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

En concreto, rubricáronse no país un total de 946 préstamos sobre vivenda, 7,6% menos que en abril, cun capital total de 105 millóns de euros, un descenso de 19,1% respecto ao mes anterior e unha baixada de 39% en comparación con maio de 2022.

En total constituíronse 1.337 hipotecas na Galiza sobre predios rústicos e urbanos, con 161 millóns de euros. 49 eran sobre predios rústicos e o resto, urbanos. Destas últimas, en 1.229 casos o prestamista era un banco e en 59 outro tipo de entidade. Ademais, canceláronse na Galiza no mes de maio 2.200 hipotecas, das cales 1.514 pertencían a vivendas. Así mesmo, producíronse 365 cambios de rexistro.

A nivel estatal, o número de hipotecas constituídas sobre vivenda baixou 24% o pasado mes de maio respecto ao mesmo mes de 2022, até sumar 33.398 préstamos. A pesar de tratarse dunha caída considerábel das hipotecas sobre vivenda, a baixada no conxunto do Estado é até 12 puntos porcentuais menos pronunciada que na Galiza.

O importe medio das hipotecas constituídas sobre vivendas no Estado español baixou 4,6% interanual en maio, até os 141.798 euros, mentres que o capital prestado diminuíu 27,5%, até os 4.735,8 millóns de euros. Neste caso, a caída do importe total dos préstamos tamén é moito máis considerábel na Galiza, até 11,5 puntos porcentuais máis.

O tipo de xuro das hipotecas asinadas disparouse até 3,15%

Despois das alzas dos tipos de xuro do Banco Central Europeo (BCE) para tentar conter a inflación até o obxectivo de aumento de prezos na contorna de 2%, o tipo de xuro medio para o total dos préstamos hipotecarios das entidades financeiras con actividade na Galiza e no Estado español situouse en 3,5% en maio, cun prazo medio de 23 anos. 

No caso das vivendas, o tipo de xuro medio alcanzou un índice 3,15%, cunha suba de 1,34 puntos porcentuais respecto ao do mesmo mes de 2022 e cun prazo medio de 25 anos. Ademais, 38% das hipotecas sobre vivenda constituíronse o pasado mes de maio a tipo variábel, mentres que o restante 62% asináronse a tipo fixo. O tipo de xuro medio de inicio foi de 2,79% para as hipotecas sobre vivenda a tipo variábel e de 3,4% no caso dos préstamos a tipo fixo.

Comentarios