Quenda de mañá

Seguemento do 70% na greve nos centros de chamada de Galiza

O bloqueo da negociación do convenio provoca unha nova xornada de paro ás que están chamados os 8.0000 traballadores do sector. “Non se pode permitir á patronal este paripé megociador de 20 meses”, afirma Laura Pérez, da CIG, sindicato convocante da greve.

teleoperadoras
photo_camera Imaxe dunha mobilización anterior no sector

Os traballadores do sector dos centros de chamada de Galiza, por volta de 8.000, están chamados esta segunda feira a unha xornada de greve para protestar polo bloqueo da negociación colectiva. Laura Pérez, responsábel da CIG-Centros de Chamada, sinala en conversa con Sermos Galiza que o seguimento do paro está a ser “amplo, máis ou menos como o da greve de abril”. Cifra nun 70% a incidencia da greve na quenda de mañá, destacando o seguimento que se está a ter nas grandes empresas, nomeadamente Bosch (Vigo, uns 2.500 traballadores) e Extel (A Coruña). Nas compañías pequenas o seguimentoestá a ser algo menor, “pois alí é máis complicado mobilizarse”.

Pérez sinala que a convocatoria chega polo fartazgo “ante unha patronal que leva 20 meses de paripé negociador”. Sinala que os traballadores non van permitir que se continúe “na precarización e flexibilización” laboral e empraza a patronal a “sentar a falar” a serio e sobre as cuestións importantes. “Os traballadores deste sector sofremos perda de poder adquisitivo mentres as empresas obteñen importantes beneficios. Elas din que non, mais só hai que entrar na páxina web da patronal para ver os gráficos que eles propio poñen e ver como aumentaron as ganancias, mesmo durante a crise”, explica a delegada da CIG.

Lamenta que non fose posíbel a unidade sindical para unha greve conxunta. “Falámolo cos outros sindicatos, mais sempre din que non é o momento”. Porén, indica, os propios traballadores do sector demandaban seguir coas mobilizacións para defender os seus dereitos. “Somos a primeira central no sector e asumimos a nosa responsabilidade”, engade.

As persoas teleoperadores non se limitan a aquelas que fan venda telefónica, esa é unha parte pequena da actividade do sector. Cada vez os servizos son máis especializados e requiren unha maior formación, van dende a banca telefónica, ao mantemento de redes informáticas de internet, até teléfonos de administracións e organismos públicos.

Comentarios