A ECONOMÍA EN FOCO

A semana económica en dez puntos

A partir deste 26 de xaneiro, ofereceremos todas as sextas feiras un repaso analítico á actualidade económica baixo o rótulo xenérico de A economía en Foco. Nesta primeira entrega botamos un ollo á EPA, aos beneficios da banca, aos novos indicadores de desigualdade ou a un prezo do petróleo que está en escalada (co que iso implica para as perspectivas de reactivación da economía).

Logo do Foro Económico Mundial. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Foro Económico de Davos

1) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou o IV Trimestre da EPA , datos que certifican que se ben a economía galega medra, o emprego non tanto. No terceiro trimestre do ano pasado o noso país medrou 3,1% e encadeaba o seu oitavo trimestre consecutivo de crecemento económico. Un bo dato que, porén, non deixa a mesma pegada no emprego: a EPA certifica que en 2017 creáronse en Galiza 6.200 empregos, 0,6%, porcentaxe moi por baixo da media española, que foi de 2,6%.

Ademais, a taxa de actividade en Galiza está en 52,9%. Quer dicir, que de cada 100 persoas 53 teñen emprego ou búscano activamente. Somos o territorio coa taxa máis baixa despois de Asturies. A media no Estado é de 58,8, seis puntos máis. A taxa de actividade é unha variábel moi importante no medre económico dun país a longo prazo e moitos economistas dánlle tanta importancia como á produtividade.

2) O dato da taxa de actividade enténdese mellor con outro dato que se coñeceu esta semana. Publicouno Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña. As persoas pensionistas superan en número as cotizantes en 210 concellos galegos. A provincia de Ourense é a que mellor reflicte unha situación que supera o preocupante: en 79 dos seus 92 municipios hai máis prestacións que salarios.

pensionistas

Recentemente, en Sermos Galiza publicabamos que un de cada tres fogares galegos ten as prestacións como única fonte de ingresos. En 30,8% dos fogares de Galiza o 100% dos seus ingresos dependen das prestacións. Unha de cada tres familias galegas teñen como única fonte de recursos económicos as prestacións, quer por desemprego, quer pensións, quer axudas ou outros subsidios…

3) Tamén esta mesma semana soubemos, grazas ao estudo de Oxfam, que 1% máis rico da poboación española acaparou 40% da riqueza producida en 2017. Mentres 50% máis pobre apenas foi quen de se repartir 7%. O informe indica que entre marzo 2016 e marzo 2017 tivo lugar o maior aumento da historia no número de persoas cuxas fortunas superan os mil millóns de dólares, cun novo ‘milmillonario’ cada dous días. No que atinxe ao Estado español, 4 novos ‘multimillonarios’ pasaron a facer parte da lista Forbes e xa son 25. Oxfam sinala que en termos de renda a recuperación favoreceu 4 veces máis aos ricos que aos pobres. Así, entre 2013 e 2015 de cada 100 euros procedentes do medre económico 29 foron para 10% das rendas máis altas e 8% para 10% máis pobre.

4)  Abanca presentou resultados e admitiu que mantén interese en comprar entidades. Catro anos despois de que o FROB vendese por mil millóns de euros o banco resultante da fusión das caixas galegas, este continúa a gañar diñeiro. Abanca logrou en 2017 uns beneficios netos de 367 millóns de euros, 10% máis que no exercicio 2016. Nestes catro anos obtivo 2.100 millóns de euros de beneficio neto. Os responsábeis da entidade anunciaron que neste 2018 van estar “atentos” a “novas opcións” de compra de entidades. Após se facer coa financeira do Banco Pastor por 30 millóns de euros e desbotar adquirir Liberbank, Juan Carlos Escotet non oculta interese por comprar. O que si di non é á saída a bolsa, polo  menos polo de agora. O plan de negocio 2018/20 pon un obxectivo ambicioso: mover por volta dos 70.000 millóns de euros entre depósitos e créditos.

Por certo, esta semana tamén presentaba resultados Bankinter, que tivo un beneficio récord (máis de 495 millóns de euros) en 2017, 1% máis que no exercicio anterior.

pozos petróleo cru

5) A caída do dólar favorece novos máximos no petróleo. Estanse a dar novos máximos no prezo do petróleo, co que iso pode supor para a economía de estados dependentes do combustíbel, caso do español.  O barril de Brent acada os 71 dólares por primeira vez desde 2014. No que vai de ano subiu 6%. Ademais, o barril West Texas (referencia en Estados Unidos), anda en 66 dólares, coización que había tempo que non atinxía. Os inventarios de cru en EUA encadean 10 semanas en descenso. Hai, logo, un maior equilibrio entre oferta e demanda e iso repercute en alza de prezo.

6) Audasa sumaba no acumulado desde que abriu o primeiro tramo da autoestrada e até mediados de 2016 uns beneficios antes de impostos que ían camiño dos mil millóns de euros. Tan apetecíbeis resultados non lle fan afrouxar a man e así, a liberación do tramo Redondela-Vigo [que lle pedía Fomento] vaino repercutir nas persoas usuarias da AP9 noutros tramos. Unha decisión que xerou as críticas da oposición, mais non do goberno galego

7) O ‘lobby’ de grandes empresas de distribución pide axuda a Papá Estado. A Asociación nacional de grandes empresas de distribución (Anged) velle as orellas ao lobo. El Corte Inglés, Carrefour, FNAC ou Ikea indican que non poden competir en igualdade de condicións con Amazon, polo que piden ao goberno que faga un novo marco normativo “moderno e flexíbel” que contemple esta “realidade” para poder facer fronte aos xigantes do ‘e-commerce’. Critican estas empresas que os grandes operadores on-line fiquen á marxe en cuestións como fiscalidade ou horarios. Factores que, no seu momento, estes mesmos xigantes que agora denuncian empregaron como vantaxes contra o pequeno e mediano comercio.

8) O Servizo Público de Emprego (SEPE) está a suprimir as prestacións de desemprego a persoas beneficiarias do mesmo polo simple feito destas non declarar no prazo legal un ingreso puntual ou mínimo obtido mentres reciben esa prestación. Unha notica que esta semana dabamos en Sermos Galiza e que afecta centos de persoas no noso país. Unha decisión con efectos moi graves (perda da prestación) para a persoa afectada, que en moitos casos non sabe que está a ser obxecto dunha resolución da administración que pode reverter nos xulgados. De feito, aquelas persoas, as menos, que optan pola vía xudicial ven como a xustiza acaba dándolle a razón aos seus intereses.

BCE

9) O Banco Central Europeo (BCE) comeza o ano preparando o mercado para a fin do diñeiro “de balde” (Desde marzo de 2016 os tipos de interese están en 0%, mínimo histórico). Vai haber cambios, indica Mario Draghi, mais non van ser inmediatos. Iso si, haberaos: este ano deixará de lado os estímulos monentarios que levaron nestes tres anos a inxectar 2,2 billóns de euros na Eurozona.

10) Nova reunión do Foro Económico de Davos. Felipe VI aproveitou a súa intervención no cumio para lanzar un discurso contra o proceso soberanista catalán e de defensa da Constitución do 78. No conclave, os diferentes presidentes e xefes de estado protagonizaron discursos e mensaxes contra as políticas proteccionistas e tamén referencias á necesidade  dun novo índice para medir o desenvolvemento económico de forma máis inclusiva. España ocupa o posto 26 entre os 29 países desenvolvidos inclusivos en base a ese novo índice. 

Davos é, nomeadamente, unha defensa do libre comercio. Nesta edición un dos protagonistas foi Jack Ma, fundador de Alibaba, a firma de comercio electrónico considerada o Amazon de Asia. “Se o comercio para, comeza a guerra. O comercio non causa a guerra, evítaa”, dixo. Fixo tamén unha defensa da robotización. “As máquinas sempre serán máis listas que o hombe. Elas saben o que queren. Mais o home é sabio: sabe o que non quere”.

Comentarios