Sindicatos sinalan á reforma laboral como culpábel do novo incremento do desemprego

As centrais lembran que o desemprego na Galiza subiu no mes de abril por vez primeira en sete anos
Galiza, a cada máis desempregad@s
photo_camera Galiza, a cada máis desempregad@s

No mes de abril, o desemprego aumentou na Galiza en 849 persoas (un 0,31%), situando a cifra de desempregd@s de novo nun límite histórico, 277.644 persoas. No conxunto do Estado, o desemprego descendeu un 0,14%. Desde a CIG inciden en que “alarma aínda máis” constatar que por vez primeira non se produce o descenso estacional, nin ten efecto “sequera o esperábel aumento das contratacións en Semana Santa”. Este incrementado desemprego afectou a todos os sectores, aínda que máis á Industria, e non se salvou nin o sector Servizos. Con respecto a abril de 2011, o incremento foi do 13,40%, o que se traduce en 32.982 persoas desempregadas máis.

Antonio López Rivera, secretario confederal de Emprego da CIG, atribúe o incremento do paro en Galiza a varios factores. Por unha banda, considera que “a reforma laboral, tal e como prevíamos, está a servir como ferramenta para destruír emprego e en ningún caso para crealo”. Pola outra, denuncia que as políticas económicas que está impondo o Partido Popular, “están a provocar unha maior contracción económica, afogando o tecido produtivo e abocando ao desemprego a miles de persoas”.

Xunto a isto, sinala que o empobrecemento cada vez máis xeneralizado da poboación, xunto cos anuncios de incrementos de impostos directos e indirectos, de taxas de matrículas, de peaxes ou o previsíbel incremento do IVE, entre outros, e os recortes que se agardan en Sanidade e Ensino, aos que hai que sumar os xa aplicados, “están a xerar unha contracción do consumo por parte das familias, que se ven obrigadas a aforrar o pouco que poden para facer fronte a estes gastos. Un aforro que é imposíbel para as persoas desempregadas, que dadas as súas circunstancias, nin sequera poden consumir”.

Pola súa parte, desde CCOO, Maica Bouza, secretaria de Emprego, considera que a reforma laboral “trae menos emprego e máis paro”. Alén diso, sinala que “as políticas de axuste do Goberno central e a súa disciplinada aplicación en Galicia polo señor Feijóo insisten en obviar as medidas que contribuirían a recuperar a actividade económica”.

Comentarios