En xuño saíron das listas do paro 13.144 persoas, mais 4.400 delas non foi por atopar traballo

As afiliacións á Seguridade Social aumentaron nese mes en 8.749 activos.

paro desemprego traballo

Xuño volveu ser un bo mes para a baixada do paro en Galiza e no Estado. A chegada do verán supón tradicionalmente un aumento da contratación en sectores como o de servizos, convertido no motor da contratación nestes meses a base de temporalidade. Foron 13.144 as persoas que deixaron as listas de desemprego en xuño no noso país, un dos mellores resultados do Estado. En termos desestacionalizados, a caída do paro foi de máis de 21.000 persoas, desde xuño de 2015 até ese mes do presente exercicio.

Mais que en xuño 13.144 persoas saísen das listas de paro rexistrado non quer dicir que todas elas o fixesen por atopar un traballo. Unha comparación coas afiliacións á Seguridade Social indica que hai unha diferenza de 4.395 persoas, pois na S.S en xuño déronse de alta 8.749 activos. Isto é, máis de 4.000 galegos deixaron de figurar nos rexistros de demandantes de emprego por outros motivos: emigración, desistir de procurar un traballo a través desa vía...

No que atinxe a contratos, a tónica segue a ser a mesma dos últimos anos: prevalencia moi ampla da temporalidade. Dos 93.293 contratos asinados en xuño en Galiza, 6.121 foron indefinidos e o resto, 87.172, temporais, un 93,5% do total.

Ademais, das 207.320 persoas rexistradas no desemprego, os sindicatos lembra que hai 120.000 que non teñen ningún tipo de cobertura. 

Comentarios