A Xunta acumula críticas pola xestión da couza guatemalteca

A administración opta por comezar a manobrar agora após ‘delegar’  perante un Ministerio que amosa desleixo ante un problema que afecta a 31 concellos galegos e ameaza con estenderse. 

pataca

A Xunta, e non foi sen tempo, decidiu mover ficha na crise da couza guatemalteca, que afecta 31 concellos de Galiza e ameaza con estenderse a máis. A estratexia do goberno galego de confiar e agardar polas medidas do Ministerio ao respecto  topou coa pasividade e desleixo do Estado. Alargouse a preocupación e nerviosismo non só entre os produtores de zonas afectadas mais tamén entre aqueles das comarcas eminentemente produtoras de pataca. Un tubérculo que en Galiza representa máis de 20.200 hectáreas, miles de empregos e ducias de miles de cultivadores para autoconsumo.

 Desde as organizacións agrarias criticouse con dureza a “subordinación” a Madrid e desde a oposición política cargouse contra unha xestión do problema pola Xunta que mereceu cualificativos como “errática”, “preocupante” ou “catastrófica”. A tardanza en respostar ante un problema que se coñeceu hai dous anos centra boa parte das críticas

O goberno galego semella agora dar un paso adiante e comezar a actuar. Así, advirte que o produtor dos concellos afectados vai ter que arrincar a pataca e avisar á administración para que proceda á súa destrución. Algo que afecta a todas as leiras dos concellos en ‘cuarentena’, non só a aquelas onde se detectase a couza.

Ademais, establece que os concellos van ter que vixiar os mercados locais deses concellos para controlar que non se venda pataca infestada por esta praga. Desde os gobernos locais critícase unha medida que fai recaer unha responsabilidade nos concellos que debería asumir a propia administración autonómica.

A couza guatemalteca detectouse en 2015 en Galiza, afectando 3 concellos. Dous anos despois son 31 os municipios con presenza desa praga en Galiza. Desde entón destruíronse por volta de sete toneladas deste tubérculo infestados pola couza. 

Comentarios