Xunta e Estado aloumiñan a Florentino Pérez en Galiza: Case 64 millóns de euros en obra pública

Ata 6 filiais de ACS, a poderosa empresa do presidente do Real Madrid, recibiron en 2013 encargos de obras e servizos públicos no noso país. Pérez é líder en encargos de procedencia institucional, desvela Economía Digital.

Florentino-Perez-economica-mejorado-palpable_TINIMA20140115_0332_5

Florentino Pérez lidera os encargos de procedencia institucional en Galiza. Obras e servizos públicos por un importe de case 64 millóns de euros, segundo apuntan en Economía Digital. Ningunha delas encomendada á todo poderosa ACS, emblema do presidente do Real Madrid. Mais si repartidas entre seis das súas filiais.

Así, Vías y Construcciones foi o ano pasado, e por si soa, a segunda construtora en adxudicación de obra pública en Galiza. Foron 3 contratos, afirma Economía Digital en base a dados da Federación Galega da Construción, cun total de 27 millóns de euros. O 5,3% de todo o adxudicado no noso país. Deses 27 millóns de euros, o groso corresponden a obras encomendadas pola Consellería de Sanidade na provincia de Ourense (23 millóns).

Mais Vías y Construcciones non foi a única filial do 'Emperador do Bernabeu' en 'coller cacho' en Galiza. Aí está Dragados que como informa ED obtivo o ano pasado seis contratos de obra pública e servizos públicos en Galiza. O importe, máis de 20 millóns de euros, catro deles de organismos autonómicos como Axencia Galega de Turismo ou Suelo Industrial de Galicia.

Suma e segue

Mais Florentino Pérez en Galiza suma e segue, grazas á Xunta,ao Estado e tamén aos organismos locais, se ben en menor medida. Drace Infraestructuras, outra das filiais do grupo madrileño no eido da construción, obtivo obra por valor de nove millóns de euros. E Tecsa (outra filial), atinxiu en 2013 un total de cinco adxudicacións. A cifra total, 6,7 millóns de euros.

Comentarios