A Xunta prorroga un ano a autorización ambiental a Elnosa en Lourizán

O Concello de Pontevedra presentará recurso por entender que a decisión se adoptou “pola porta de atrás” e sen seguir o procedemento establecido.

[Imaxe: Pontevedraviva] Elnosa

Unha nova decisión dun goberno do PP favorábel ao complexo Ence-Elnosa que se sitúa no centro da polémica. Se a finais de 2015 era o executivo central en funcións coa súa prórroga de 60 anos para a concesión de Ence, agora é o goberno galego, prorrogando un ano a autorización ambiental a Elnosa, que tería que iniciar o cesamento da actividade industrial en Lourizán o 31 decembro de 2016. Con esta medida da Xunta, non será até o 31 de decembro de 2017 cando teña que dar ese paso. Sempre e cando non haxa novas prórrogas.

A dirección da factoría de cloro solicitou á Xunta de Galiza unha prórroga e a administración autonómica emitiu unha resolución ampliando nun ano a autorización ambiental integrada á empresa electroquímica.

O goberno de Pontevedra decidiu, perante ese acordo da Xunta, presentar un recurso por considerar que se adoptouse "pola porta de atrás", tal e como manifestou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González. O Concello recorrerá esta decisión alegando que non se levou a cabo o procedemento establecido para estes casos. González indicaba que a Xunta non solicitou o informe urbanístico nin mantivo informado ao Concello sobre este proceso.

Comentarios