Xustiza de Brasil confirma que Zara empregaba traballadores en ''condicións análogas á escravitude''

A empresa de Arteixo xa confirmou que vai recorrer a sentenza. Un xuíz de Sao Paulo considera responsábel a Zara das concidións ínfimas nas que traballaban nunha subcontrata onde o 90% das súas prendas íran para a firma de Inditex.

zara1

A denuncia dun inmigrante boliviano en Brasil derivou en 2011 nunha inspección de traballo nunha empresa de confección. Os inspectores atoparon alí 52 persoas a traballar por volta de 14 horas diarias por 0,06 céntimos de euro por peza acabada. O 90% das prendas elaboradas por esa firma ían para Zara, a potente multinacional con sede en Arteixo.

Agora, un xuÍz de Sao Paulo (Brasil), Alvaro Emanuel de Oliveira Simões, negou o intento da empresa de anular o proceso que se segue contra ela por aqueles feitos descubertos en 2011, segundo reflicten medios brasileiros. Zara pedía a nulidade do proceso. Mais o xuíz lembra que o 90% das prendas de Aha Industria, nome da compañía, ían destinadas a compañía galega.

A firma de Inditex en Brasil argumentara que a subcontrata da empresa Aha non fora autorizada pola matriz, mais o xuíz de Sao Paulo non dá creto a eses argumentos.

Fraude

Alvaro Emanuel de Oliveira Simões considera que houbo unha “fraude na intermediación”. Sinala que “houbo prestación de servizos, non eventual, remuneración e subordinación económica”. O maxistrado entende que Zara ten responsabilidade directa no acontecido.

A sentenza destaca que a investigación verificou que as oficinas onde foron atopados os traballadores “en condicións análogas ás de escravitude” traballaban en exclusiva na frabicación de produtos de Zara, “atendendo a criterios e especificacións presentadas pola empresa” e recebendo o “escaso salario” da empresa de Arteixo.

O xuíz non só conclúe que Zara ten “responsabilidade directa” na situación, senón que critica a tentativa de Zara de “caracterizar os costureiros rescatados como empregados da empresa intermediaria Aha”. Custa crer, di o maxistrado,que “unha das maiores corporacións do planeta tivese tan frouxos controis sobre as súas empresas fornecedoras”.

Comentarios