División no PP de Pontevedra polas retribucións d@s concelleir@s

Cinco concelleiros votan en contra dunha proposta do seu portavoz municipal, en que o alcalde da cidade, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, define como outro “problema interno do PP”.
Jacobo Moreira, portavoz municipal do PP de Pontevedra
photo_camera Jacobo Moreira, portavoz municipal do PP de Pontevedra

Un dos principais discursos de campaña de Feijóo, aquel que define o PP como unha forza unida e sen fisuras en contra da suposta división da cal acusa o resto, volveu saltar polo aires a pasada terza, nesta ocasión non en Ourense -como adoita ser habitual- senón en Pontevedra, onde cinco concelleiros dos once do PP levaron a contraria a unha proposta do seu portavoz, Jacobo Moreira, ao se abster nun debate sobre os soldos d@s concelleir@s. O alcalde da cidade, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que el xa sabía da existencia dese “problema interno do PP” e confesou que mesmoo, en privado, varios dos concelleiros rebeldes se dirixiron ao rexedor para facer patente o seu malestar. O PP local manterá unha xuntanza esta cuarta feira pola tarde para intentar reconducir a crise.

Ricardo Aguilar, Pablo Fernández, María Biempica, Begoña Laya e José Manuel Guillán, foron os cinco concelleiros que votaron en contra da proposta do seu propio líder local. O conflito interno do PP de Pontevedra, que tamén agocha importantes loitas polo control da organización, naceu hai xa varios meses, cando baixo o argumento da “austeridade” Moreira pasou a ser o único concelleiro do PP con dedicación exclusiva e soldo, deixando sen o mesmo a dous dos seus compañeiros e tamén a unha persoa dedicada a labores administrativas dentro do grupo municipal. O acordo anterior de todas as forzas políticas era que un de cada catro concelleiros tería un soldo polo seu traballo para o concello en exclusividade, e a vixencia dese trato foi o que reivindicaron os edís díscolos do PP co voto contrario á súa dirección.

A dereita en crise por non lograr a alcaldía

A notábel división actual do PP en Pontevedra non fai máis que profundar na crise que sofre a dereita na cidade, que foi incapaz de sacar o bastón de mando ao BNG -en coalición co PSOE- malia tratarse da urbe onde teñen os populares un dos seus principais centros de actuación a nivel estatal. Porén, os distintos intentos de alcanzar o concello seguen a fracasar, o que xa provocou que no seu momento recorreran como candidato ao alcalde da veciña Sanxenxo, Telmo Martín, que tampouco obtivo éxito e agora é deputado en Madrid, despois de se ver inmerso en distintos escándalos relacionados coas súas empresas construtoras.

Comentarios