Jorquera afirma que existe posibilidade real de cambio

A posibilidade real de cambio existe, malia as enquisas e esa é a razón do nerviosismo que está detrás do incumprimento sistemático da lei electoral por parte do PP. Esta é a mensaxe que o candidato do BNG trasladou ao numeroso público que ateigaba o mítin celebrado o domingo á mañá en Monforte.
Mitin do BNG en Monforte
photo_camera Mitin do BNG en Monforte

Os nove incumprimentos da Lei electoral por parte de Feijóo, a través de actuacións do seu goberno en funcións e do seu partido, ten detrás, ao dicir de Francisco Jorquera, o nerviosismo diante da posibilidade real de non acadar a maioría absoluta o día 21 de outubro.

O candidato do BNG alertou sobre as cartas marcadas que Feijóo está a empregar na campaña, manobras que poden continuar tamén nesta última semana para impedir que o cambio queu Jorquera percibe na rúa se materialice nas urnas. “Incluso se o precisa é capaz de volver a regalarnos esta semana outra operación espectáculo como ás que nos ten acostumados cando se achega un período electoral” deixou caer o candidato no mítin de Monforte, concello gobernado pola organización nacionalista.

“O cambio real virá protagonizado polo BNG” dixo Jorquera, explicando que só a concentración do voto nacionalista e de esquerdas nas súas candidaturas permitirá sacar a Feijóo de San Caetano. Propón, neste sentido, un goberno oposto ao do candidato do PP, que "goberna de costas ás necesidades de Galiza e está a mentir co fin de superar o exame da campaña electoral".

Referiuse tamén á evidente vontade de Feijóo de non facer campaña canda Rajoy para que a política de recortes do goberno central non lle escureza a súa campaña. Malia iso, Jorquera asegurou que votar a Feijóo é darlle un cheque en branco a Rajoy para aplicar novos recortes. Diante da dixuntiva que están a levar aos seus mítins de ou goberno do PP con maioría absoluta ou o caos, Jorquera reparou no que iso significa nos gobernos galego e español “que o PP sexa impune para poder facer todo o contrario ao que promete en campaña e para traizoar aos seus propios votantes”.

Jorquera repetiu que o cambio real era posíbel se o voto de esquerdas e nacionalista se concentraba no BNG e apuntou que o goberno se pode decidir por moi poucos votos. Neste sentido fixo un chamamento a aquelas persoas de sectores agredidos polo PP e que votaron por esa opción en anteriores eleccións “que non teñan medo e se sumen ao cambio real co BNG”.

O cabeza de lista de Lugo, Cosme Pombo, denunciou que Feijóo ten unha “folla en branco” como balance de xestión destes tres anos e medio ao tempo que reclamou que Galiza poida producir. Nese sentido anunciou que o BNG promoverá unha Lei galega do viño e defendeu a creación dunha banca pública galega. “Ser nacionalista é defender a terra” comentou no afán de “poñer o país a producir para que mozos e mozas non teñan que coller a maleta”.

Comentarios